Notas de prensa

O Cetmar presenta en Camariñas un proxecto piloto das potencialidades da acuicultura na Costa da Morte

Esta iniciativa busca aportar información sobre os espazos marítimos destas dúas rexións que presentan potencialidades de uso acuícola.

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar presenta en Camariñas, a través dunha Xornada divulgativa, un proxecto piloto sobre as potencialidades da acuicultura na Costa da Morte e en Barbate, no que participarán tanto as autoridades da administración galega e andaluza, como os axentes implicados directa ou indirectamente nesta actividade. Trátase dunha iniciativa que levan a cabo o Cetmar e a Empresa Pública de Desarrollo Agrario y Pesquero da Junta de Andalucía nestas dúas rexións, que constitúen dous expoñentes de zonas costeiras dependentes da pesca, con grande tradición e vinculación co mar e onde as novas propostas de actividades como a acuicultura poden
supoñer novas expectativas socioeconómicas e laborais para a súa poboación.

O obxectivo deste proxecto é aportar información sobre os espazos marítimos destas dúas zonas costeiras que presentan posibilidades de uso acuícola. Así mesmo, pretende facilitar, tanto á iniciativa privada como ás administracións implicadas, o coñecemento sobre a situación e o estado de ocupación dos lugares obxecto, así como as potencialidades que presenten no que ao desenvolvemento da acuicultura se refire.

Neste sentido, o estudo busca dotar ás zonas de interese do estudo dunha planificación das súas augas que, tendo en conta as súas potencialidades, as actividades económicas, culturais e sociais e a conservación do medio ambiente, permita estimar o potencial desenvolvemento da acuicultura na Costa da Morte e en Barbate.

Esta iniciativa ten como obxectivos específicos identificar as zonas nas que se desenvolven na actualidade actividades relacionadas coa acuicultura, valorando o seu grao de aproveitamento; as actividades económicas, culturais e sociais nas zonas de interese, e os aspectos medioambientais que interveñen. Así mesmo, busca analizar as potencialidades do uso acuícola tendo en conta todos os factores que interveñen; elaborar unha proposta de zonificación e planificación, así como unha estimación da evolución a medio e longo prazo da zona de estudo.

Para acadar estes obxectivos o proxecto desenvolverase en catro fases: Situación de Partida: Análise dos Traballos Previos, Mapa de Axentes e Parámetros; Delimitación Espacial e Cartografía Bioxeográfica; Análise das Zonas de Interese e Identificación das Actividades por Zonas, e Proposta de Medidas Concretas e Plan de Seguimento e Estimación da Evolución.

Xornada

A Xornada de presentación do proxecto, que se desenvolve na Casa da Pedra de Camariñas, será inaugurada oficialmente polo director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, e a delegada provincial de Pesca en A Coruña, Rosa Liaño, por parte galega, e o subdirector general de Gestión de los Fondos Estructurales y Acuicultura do MAPA, por parte estatal. Dará comezo cunha ponencia inicial sobre a “Acuicultura en Galicia. Revisión da Acuicultura na Costa da Morte”, impartida por Antonio García Elorriaga.

Posteriormente, realizarase unha presentación técnica do proxecto piloto por parte de investigadores dos dous centros responsables e, de seguida, abordarase a “Caracterización do entorno da Costa da Morte. Rede Natura”, a “Experiencia de diversificación do sector pesqueiro na Costa da Morte” e a “Importancia económica e social da acuicultura. Experiencia empresarial”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES