Notas de prensa

A debate a solución integral ao abastecemento presente e futuro de Ourense

O conselleiro, Manuel Vázquez, e o rexedor ourensán, Francisco Rodríguez, acordaron iniciar os traballos para ampliar os abastecemento á cidade de Ourense para axustalo as súas necesidades presentes e, sobre todo, futuras.

A Consellería de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica do Norte e o Concello de Ourense acometerán de xeito conxunto as actuacións necesarias para dar “unha solución definitiva e integral” as carencias de abastecemento que ten na actualidade a cidade das Burgas, pero sobre todo para garantir o subministro de auga que precisará nun futuro inmediato cos desenrolos urbanísticos previstos, aproveitando a consideración do abastecemento de Ourense como de interese xeral. Así o anunciaron o titular do departamento autonómico, Manuel Vázquez, e o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, tras unha reunión que mantiveron en Santiago para analizar o estado de diversas actuacións medioambientais que se van acometer na cidade.

O alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, salientou a importancia do acordo para acometer un plan de abastecemento integral que garanta a cobertura das necesidades futuras da cidade, que non foron atendidas polo anterior goberno local nin recollidas no planeamento urbanístico que deixou aprobado.

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, resaltou a relevancia deste proxecto, que comparou co que actualmente se está acometendo na cidade de Lugo e que rolda os 34 millóns de euros de orzamento. O titular autonómico sinalou que a partir da próxima semana os técnicos das administracións implicadas comezarán a traballar neste “macroproxecto” de abastecemento da cidade de Ourense.

Á marxe deste asunto, outro dos temas que se tratou na xuntanza foi a execución do plan de saneamento da zona rural do municipio ourensán. O rexedor ourensán comprometeuse a que na vindeira semana se enviarán os primeiros proxectos para a súa execución, de tal xeito que o plan non rematará ata que se acade o obxectivo de sanear integralmente todo o concello de Ourense.

Centro de Interpretación dos Parques Naturais

No encontro entre o conselleiro e o alcalde tamén se abordou a creación do Centro de Interpretación dos Parques Naturais, que se ubicará na cidade de Ourense. O centro ocupará unha parcela cedida polo concello nas ribeiras do río Miño, que, cunha extensión de 40.000 metros cadrados, albergará un edificio de 3.000 m cadrados que se espera sexa visitado por unha media de 200.000 persoas ao ano, que é a media que recibe este tipo de centros no resto do Estado. Manuel Vázquez agradeceu ao Concello a súa implicación na “política medioambiental de Galicia” coa posta a disposición dos terreos para a creación deste Centro de Interpretación dos Parques Naturais, un espazo singular e simbólico que compilará toda a riqueza dos ecosistemas dos seis parques naturais.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, 2007-09-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES