A conselleira de Vivenda e Solo, a nacionalista Teresa Táboas, explicou no Parlamento as medidas promovidas polo seu Departamento para obter solo residencial destinado á construción de vivenda protexida, tendo en conta que se trata da materia prima imprescindible para construír vivenda a prezo taxado.
Táboas enumerou ante a Cámara as medidas adoptadas polo seu Departamento en materia lexislativa:
1.- Duplicar a reserva de solo para vivenda protexida, pasando do 20 ao 40% en todos os Concellos de máis de 20.000 habitantes.
2.- A obrigatoriedade de que a vivenda protexida se constrúa ao mesmo tempo ca vivenda libre, evitando que as reservas para vivendas a prezo taxado queden ao arbitrio do promotor.
3.- Os Concellos deben destinar a metade do seu patrimonio municipal de solo a vivenda protexida, en lugar de vender ese patrimonio como sucede agora deixando aos residentes sen a posibilidade de acceder a unha vivenda de prezo taxado, subliñou Táboas
4.- A creación dun novo mecanismo para a obtención de solo residencial que consiste en que o 5% do aproveitamento non lucrativo de todos os solos de novo desenvolvemento se ceda a Administración autonómica.
Ningún destes aspectos, tan relevantes para axilizar a obtención de solo residencial, estaban recollidos na Lei do Solo de 2002 aprobada polo Goberno anterior, e que foi modificada case antes da súa entrada en vigor, subliñou Táboas, que fixo esta explicación en resposta a unha interpelación do PPdG, a quen lle reprochou a falta de planificación en materia de vivenda, en particular, no que se refire a solo residencial.
Prezo da vivenda
Non se resolve o acceso a unha vivenda con ocorrencias de última hora, senón con propostas serias e planificadas que incidan no cerne do problema: neste caso a carestía da vivenda, motivada sobre todo polo prezo especulativo do solo, e agora agravada polas variacións alcistas do prezo do diñeiro, subliñou Táboas
Neste sentido a conselleira nacionalista salientou que a carestía do prezo da vivenda non se cingue ao ano 2006, e explicou que entre 1995 e 2005 o prezo do metro cadrado pasou de 578 euros aos 1.100 euros, o que significa un incremento do 90%. Se a este aumento lle engadimos a repercusión do prezo especulativo do solo, temos o resultado por todos coñecido, agravado polas últimas decisións do Banco Central Europeo, salientou Táboas.
Fronte a este progresivo incremento anual do prezo da vivenda, Táboas preguntou ao PPdG cales foron as súas medidas?,e lamentou a falta de solo residencial para a construción de vivenda protexida nos Concellos galegos debido a monetarización do solo. Como exemplo a conselleira explicou que nos últimos meses enviamos 109 cartas a outros tantos concellos solicitando cesión de solo para construír vivendas para mozos e maiores e tan só contestaron 7 porque non teñen solo, salientou Táboas.
A titular de Vivenda e Solo incidiu en que o mercado libre actúa a espasmos, e fronte a esa posición este Goberno aposta pola planificación e por incidir en factores clave como é o solo. Nese sentido, Táboas calificou as medidas promovidas polo seu Departamento como medidas de enorme importancia que permitirán pór vivenda protexida no mercado a curto e medio prazo, a que podan acceder a maior parte dos galegos e galegas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.