Notas de prensa

O conselleiro de Innovación visita a instalación de I+D+i da principal compañía eléctrica do Xapón

A delegación galega en Xapón inicia a súa campaña de promoción turística coa inauguración dunha exposición sobre o Camiño de Santiago nunha céntrica galería de Toquio.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo, visitaron as instalacións de Tepco (Tokio Electric Power), a compañía eléctrica máis importante do Xapón, na cidade de Yokohama. O conselleiro e o director xeral efecturaron unha visita privada ao centro de investigación e desenvolvemento da empresa, así como ao Museo Histórico da Electricidade que Tepco levantou no complexo, e entrevistáronse cos seus responsábeis para coñecer de primeira man a súa experiencia en proxectos enerxéticos.

Ademais de coñecer os últimos avances tecnolóxicos en materia enerxética, o conselleiro aproveitou a visita a este complexo de investigación e desenvolvemento, que estivo guiada polo seu director Kiyoshi Goto, para manter unha reunión de traballo coa cúpula directiva de Eurus Eneergy Holdings Corporation, a compañía eléctrica participada ao 50% por TEPCO e por TOYOTA, con divisións en América e Europa, ademais da central do Xapón. O máximo representante de EEHC que se entrevistou co conselleiro é o presidente do grupo, Tetsuro Nagata.

TEPCO é a primeira compañía eléctrica do Xapón. Fundada en 1951 e con máis de 38.000 empregados, a empresa cobre todas as fases da explotación enerxética, xeración, transporte e distribución de electricidade, amais de contar cunha ampla división de I+D+i en materia de enerxía, con desenvolvemento de tecnoloxías punteiras e investigación en enerxías alternativas. TEPCO desprega a súa actividade investigadora en Yokohama, a uns 30 quilómetros de Toquio, onde conta cun gran centro tecnolóxico (TEPCO R&D Center) sobre unha superficie superior a 46.000 metros cadrados. Xunto a este centro, a compañía instalou un Museo Histórico da Electricidade (Electric Power Historical Museum), no que se fai un percorrido polos cen anos de historia da enerxía eléctrica no Xapón.

O Centro de I+D de TEPCO, en Yokohama esténdese sobre unha área de 47.642 metros cadrados. Creado xa na primeira década de vida da empresa (1959), este centro abastécese de enerxía fotovoltaica e adoptáronse nos seus edificios tecnoloxías de alta eficiencia e aforro enerxético (control de iluminación mediante luz natural, distribución de aire frío, sistema de ventilación con ventás...). Entre os produtos desenvolvidos como resultado da actividade deste centro figuran sistemas de aire acondicionado mediante almacenamento de xeo ou quentadores de auga a base da refrixeración de CO2. O Centro conta con 28 grupos de enxeñeiros que traballan en novos campos de investigación, con resultados a longo prazo, ademais de avanzaren na consolidación e innovación das tecnoloxías xa desenvoltas pola empresa. Entre outras, TEPCO está a investigar en enerxía eólica e biomasa, así como no desenvolvemento de vehículos eléctricos e de bombas de calor.

Museo Histórico da Enerxía Eléctrica

Nesta visita delegación galega, tivo oportunidade de coñecer tamén o Museo Histórico da Enerxía Eléctrica. Inaugurado en 2001, o Museo Histórico da Enerxía Eléctrica de TEPCO expón unha extensa colección de pezas auténticas que repasan a historia da enerxía eléctrica no Xapón dende o seu nacemento. O museo, dirixido por Hideo Tanaka, ocupa un inmoble duns 4.000 metros cadrados dentro do complexo de I+D de TEPCO en Yokohama. Entre os obxectos que se exhiben figuran un xerador Edison, a turbina de auga vertical Francis e o xerador usados na estación eléctrica Sinanogawa de TEPCO, o primeiro xerador de turbina empregado na planta térmica de Chiba, unha lámpada ornamental da ponte de pedra da porta frontal do Palacio Imperial e un vehículo eléctrico fabricado a comezos do século XX.

Inauguración da exposición “Samos, espírito do Camiño”

Por outra banda, e dentro dos actos previstos para a promoción turística do noso país en Xapón que se desenvolverán durante toda a semana, o Conselleiro de Innovación e Industria inaugurou hoxe na céntrica galería de Toquio, Motoazabu Gallery, a exposición “Samos, espírito do Camiño”, do fotógrafo galego Luís Ocaña.

No acto de inauguración, ao que estaban convidadas autoridades xaponesas, participou o director do departamento intercultural da prefectura de Wakayama, Makoto Yoshida. A devandita prefectura lidera as accións de promoción do Camiño de Kumano, que discorre polo seu territorio, unha ruta de peregrinación irmandada co Camiño de Santiago polo seu interese artístico, cultural, turístico e económico e, igual que a ruta a Compostela, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Coa inauguración desta mostra, que permanecerá en Toquio todo o mes de setembro, preténdese dar a coñecer a riqueza do patrimonio monumental e natural galego, alén de facer atractiva para os xaponeses a ruta xacobea, ruta que está a espertar cada vez máis interese nos países asiáticos, como se deduce do incremento de peregrinos, procedentes do extremo Oriente, que realizan o Camiño de Santiago.

O acto de inauguración da exposición “Samos, espírito do Camiño”, que incluíu un percorrido das autoridades polo espazo da mostra, rematou cunha degustación de produtos gastronómicos galegos a cargo dos cociñeiros Toñi Vicente, Marcelo Tejedor, Roberto Crespo e Carlos García (do Centro Superior de Hostelería de Galicia). Entre outros pratos, o menú incluíu empanada, polbo con cachelos e viños galegos comercializados no Xapón, como albariños e tintos da Ribeira Sacra.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES