Notas de prensa

Pesca presentou en Reino Unido un sistema de información sobre as zonas máis vulnerables a episodios contaminantes

Os días 6 e 7 de setembro celebrouse en Dorset unha conferencia na que se presentaron as conclusións do proxecto EROCIPS.

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) -organismo dependente da Consellería de Pesca- participou na conferencia final que se celebrou os días 6 e 7 deste mes en Dorset (Reino Unido) presentando os resultados acadados no marco do proxecto EROCIPS (Emergency Response to Coastal Oil, Chemical and Inert Pollution from Shipping).

Garbiñe Ayensa e Pedro Montero son os técnicos do Intecmar que se encargaron de presentar as ponencias “Análise de riscos, cambios e tendencias na costa atlántica europea” e “O legado de EROCIPS en Galicia”. Ademais destas intervencións, tamén fixeron unha demostración sobre as ferramentas desenvolvidas no marco deste proxecto para dar resposta aos episodios de verteduras mariñas que poidan ocorrer.

O Intecmar centrouse na investigación das ameazas de contaminación costeira derivadas da navegación marítima para o que crearon un Sistema de Información Geográfica (GIS). O GIS está instalado no propio centro e ofrece datos relevantes das áreas que poden ser máis vulnerables no caso de que se produzan verteduras.

Este novo sistema inclúe un mapa que recolle o inventario dos bens naturais, humanos e medioambientais, ademais dos procesos oceanográficos e meteorolóxicos costeiros. No plano tamén aparecen sinaladas as instalacións que sería necesario protexer en caso de que se produzan verteduras, as que poden entrañar perigo polo material que almacenan, as que dispoñen dos recursos axeitados para o seu uso no combate dos accidentes, etc, así como as características das distintas áreas costeiras que permiten coñecer, a través da avaliación de riscos levada a cabo, cales destes lugares poden estar máis expostos a posibles episodios contaminantes.

No marco deste traballo tamén se desenvolveron 12.000 supostos co fin de ofrecer predicións efectivas nos lugares onde poden encallar as verteduras producidas nun accidente. Estes casos permiten dispor de varias traxectorias posibles que sirvan de guía e marquen as pautas a seguir no caso de que se produza un episodio contaminante.

A través deste estudo, determinouse a grande utilidade que supón para as rexións participantes o feito de dar unha resposta conxunta e coñecer as estruturas organizativas e sistemas de resposta de cada unha delas.

O proxecto EROCIPS

EROCIPS é un proxecto europeo que ten como obxectivo principal o desenvolvemento de metodoloxías, ferramentas e técnicas transnacionais transferibles a toda a UE e dirixidas á mellora na resposta das rexións costeiras á contaminación do litoral. Isto ten como finalidade apoiar a sustentabilidade dos sistemas de transporte marítimo.

No marco deste estudo, establecéronse sete “paquetes de traballo” para afrontar diferentes aspectos vencellados á contaminación costeira e que se centran nas ameazas de contaminación, a información da resposta, recursos contra a contaminación, información sobre formación, modelado da traxectoria da contaminación, xestión da información e monitorización medioambiental. A todos estes estudos hai que engadir unha última actuación que consistirá na divulgación dos resultados acadados no marco desta investigación.

Neste ambicioso proxecto participan organismos e institucións de Reino Unido, Francia, Portugal e España. A representación galega ven da man da Consellería de Pesca -a través do Intecmar, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), a Subdirección Xeral de Gardacostas e o Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar)- e da Consellería de Medio Ambiente, que participa a través de MeteoGalicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES