Notas de prensa

O Centro de Investigacións Mariñas participou en preto de 40 proxectos en 2006

Representantes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos presentaron a memoria anual do CIMA que recolle actuacións sobre o cultivo de molusco e os efectos do Prestige, entre outras.

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participou ao longo do ano pasado nun total de 38 proxectos e accións coordinados polo propio centro ou en colaboración con outros grupos de Galicia, do resto do Estado e de Europa. Así se desprende da Memoria de actividade do ano 2006, presentada esta mañá pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, o director do centro, Alejandro Guerra Díaz, e o subdirector xeral de Ensino e Investigación Mariña, José Barreiro Piñeiro, nun acto celebrado nas instalacións do CIMA, en Pedras do Corón, Vilanova de Arousa.

Así, durante o pasado exercicio, o persoal do Centro de Investigacións Mariñas liderou 22 actividades, das que 14 tiveron financiación externa e oito leváronse a cabo con recursos propios. Ademais, os investigadores do CIMA participaron en 11 proxectos dirixidos por persoal doutras entidades, á vez que interviron en cinco accións promovidas e/ou financiadas a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

Por outra banda, a divulgación da produción científica quedou reflectida durante o ano pasado en 28 artigos, dos cales 16 foron recollidos en revistas de alto impacto e 12 noutras publicacións científicas. A estes hai que engadir tres contribucións en libros e ata 39 comunicacións científicas en congresos nacionais e internacionais. Así mesmo, o centro dependente da Consellería de Pesca realizou tarefas de asesoramento á Administración, de forma que se elaborou un número elevado de informes técnicos, ao tempo que os investigadores asistiron a xuntanzas de diferente ámbito e carácter en representación da Comunidade Autónoma de Galicia.

En canto ao traballo formativo, en 2006 presentáronse catro teses doctorais dirixidas por persoal do CIMA e dúas patentes realizadas en colaboración coas Universidades de Vigo e Santiago. Ademais, levouse a cabo formación de persoal investigador para a realización de teses e de técnicos superiores, así como formación en prácticas en centros de traballo de técnicos de FP II.

Proxectos coordinados polo CIMA

Os proxectos de investigación coordinados polo CIMA distribúense nas áreas de Acuicultura, Patoloxía, Procesos Oceanográficos Costeiros e Recursos Mariños. Deste xeito, sete actuacións corresponderon ao apartado acuícola, centrándose principalmente en aspectos relacionados co cultivo de moluscos (orella de mar, solénidos e ameixa babosa), abordando o coñecemento destas especies para poder afrontar a súa cría de xeito eficiente.

Neste apartado cabe mencionar tamén unha actividade centrada no seguimento e validación dos minicriadoiros de moluscos da Consellería de Pesca (Camariñas e O Vicedo). No caso de Camariñas, rexistrouse unha produción de 355.793 unidades de ameixa fina; 3,4 millóns de unidades de ameixa babosa; e 922.271 de ameixa xapónica. Pola súa banda, o minicriadoiro de O Vicedo rexistrou unha produción de 273.204 unidades de ameixa babosa; 866.711 unidades de xapónica; e 95.000 de coquina. Todas estas unidades cunha talla superior aos 3mm son destinadas á súa sementeira en bancos marisqueiros como os de Camariñas e Ribadeo, e noutros emprazamentos do litoral galego.

Por outra parte, as oito actividades encadradas na área de Recursos Mariños estiveron orientadas a desenvolver investigacións relacionadas coa produción e xestión dos recursos, mentres que os catro proxectos coordinados dende o departamento de Patoloxía abordaron temas relacionados cos efectos do Prestige nos bancos de solénidos e o estudo de xenes indicadores de resistencia a enfermidades nas ostras, entre
outros. Por último, a Área de Procesos Oceanográficos Costeiros encargouse de tres accións orientadas ao estudo dos procesos de redución e depuración de toxinas PSP e DSP en mexillón e vieira.

Participación noutros proxectos

Os investigadores do CIMA tamén interviron en once proxectos con grupos de investigación de Galicia, do resto do Estado e de Europa, en temas como o cultivo de peixes, a resposta de emerxencia á contaminación de aceite, química e inerte na costa procedente de barcos ou o desenvolvemento de protocolos de actuación e plans de continxencia ante verteduras mariñas accidentais.

Así mesmo, participaron noutras iniciativas de interese para a administración pesqueira galega entre as que destacan a busca de marcadores xenéticos para a identificación do mexillón de Galicia e as repoboacións de rodaballo xunto coas soltas de lumbrigante. De feito, cabe lembrar que no marco do Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, promovido pola Consellería de Pesca, liberáronse uns 30.000 exemplares de rodaballo nas augas costeiras galegas dende outubro de 2005. Ademais, dende marzo deste ano soltáronse algo máis de 3.100 alevíns de lumbrigante no entorno da Reserva Mariña de Lira e está previsto que nos vindeiros meses se produzan novas soltas desta especie.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-09-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES