
A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, investirá 3.634.708 euros na construcción de 40 vivendas protexidas de promoción público en Santiago de Compostela, nunha parcela de 1.684 metros cadrados de superficie que limita co futuro edificio da biblioteca estatal e a pouco pasos do corazón do centro histórico.
O 80% destas vivendas serán de 1 dormitorio, cunha dimensión de entre 40-50 metros cadrados de superficie útil e o 20% restante vivendas de 2 dormitorios de entre 52-57 metros cadrados útiles. O dormitorio principal deberá ter unha superficie mínima de 12 metros cadrados e o baño de 5, para que sexa posible a súa adaptación a persoas con mobilidade reducida. O edificio será de baixo e 5 andares.
Todas as vivendas serán adxudicadas en réxime de aluguer por un máximo de 10 anos, sen opción de compra. Queremos contar cun parqué público de vivenda protexida que poder ofertar en réxime de aluguer, como existe noutros países do noso entorno europeo. Esta Consellería aposta polo aluguer e queremos que este tipo de inmobles, de gran calidade construtiva e de ubicación, sexan patrimonio público, e que o seu uso rote entre os posibles demandantes, explicou Teresa Táboas, durante a presentación das bases do concurso público que rexerán para a contratación do proxecto arquitectónico.
Optamos por convocar un concurso de ideas con intervención de xurado porque se trata dunha parcela ubicada nun entorno delicado e queremos que a resposta arquitectónica estea a altura, que sexa un inmoble referencial na cidade e exemplo de construcción de vivenda protexida, alegou a conselleira, quen salientou que o concurso permitirá presentarse a todos os arquitectos ou estudios que o desexen. A Consellería elixirá aos cinco que considere os mellores para este tipo de obra.
Nas bases do concurso se valorará a experiencia acreditada en dirección de obras, anteriores intervencións en centros históricos, a presentación de propostas innovadoras para as vivendas, a integración no entorno e como dialoga coa trama da cidade vella. Táboas salientou entre os criterios de valoración a viabilidade económica, para evitar desviacións económicas.
As vivendas de Xoán XXIII están destinadas ás rendas que non superen uns ingresos mensuais equivalentes a 3,5 veces o Índice Público de Efectos Multiplicadores (IPREM), arredor de 1.677 euros aos mes, e adxudicaranse por sorteo. O prezo medio do aluguer para estas vivendas será de 110 euros con garaxe e rocho.
O proxecto arquitectónico definitivo estará seleccionado antes de finalizar no próximo trimestre e o inicio das obras se prevé para o segundo semestre de 2008, cun prazo de execución das obras de 18 meses.
Acceso a unha vivenda
A preguntas dos xornalistas, a conselleira explicou que a maneira máis efectiva de facilitar o acceso a unha vivenda é con medidas concretas que permitan obter solo residencial a prezo razoable tanto para a Administración como para o sector privado e construír nese solo vivenda protexida a prezo taxado. O dereito a unha vivenda de calidade xa está recollido no artigo 47 nada menos que da Constitución, aínda que na práctica moitos cidadáns non o podan exercer, ou só a costa de grandes esforzos nas súas economías, sinalou.
Neste sentido, Táboas aposta por medidas concretas, como as xa adoptadas polo Goberno galego nos últimos meses, pensadas sobre todo para incidir nun elemento clave como é o solo. Mencionou a ampliación ata o 40% da reserva de solo obrigatoria para vivenda protexida, e a creación dunha bolsa de solo público procedente do 5% de todos os solo de novo desenvolvemento, destinado a albergar vivenda protexida en aluguer que sempre será de titularidade pública.
Asimesmo, salientou o inicio dos trámites para a elaboración do Plan Sectorial de Vivenda Protexida de Galiza, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, o primeiro no conxunto do Estado, e amosouse convencida de que estas medidas tamén merecerán o apoio do Ministerio de Vivenda.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.