Comisións Obreiras (CCOO) gañou as eleccións ao comité de empresa de Fadesa-Martinsa logo de obter oito delegados por cinco da CIG. Trátase da primeira vez que se celebran eleccións dentro da empresa, que contaron, ademais, cunha participación de aproximadamente o 70 %.
O secretario de Organización da Federación da Construción e da Madeira (FECOMA), Santiago Huertas, lembra que CCOO levaba tempo promovendo a convocatoria de eleccións sindicais, sobre todo logo da venda de Fadesa a Martinsa.
Segundo Huertas, os traballadores «contan desde agora con representación legal para afrontar os novos retos da empresa», principalmente a defensa dos postos de traballo que a construtora ten en Galicia.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.