A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, será a encargada de organizar o VII Encontro Internacional de Torneiros de Madeira. Ademais, o concello de Xermade colaborará con este certame cedendo varias das súas instalacións para a realización das distintas actividades.
No marco deste encontro, levaranse a cabo diversas actividades como obradoiros impartidos por relatores especialistas na materia, para o que se contará coa colaboración de diversos especialistas como Juan Antonio Hernández Rubio, Manuel Castro, Jean-Louis Fayole ou Christian Delhon. Asemade, tamén se celebrarán unha táboa redonda, unha charla, unha exposición dos traballos dos participantes ou un espacio de iniciación supervisado por monitores e aberto a todo o público. Para os máis pequenos crearase un espazo de iniciación con varios tornos pequenos.
Por outra banda, levaranse a cabo demostracións en vivo abertas ao público realizadas polos relatores, un foro de intercambio onde os artesáns inscritos terán a oportunidade de intercambiar opinións en canto á planificación da súa actividade, a utilización dunha sala de internet rural para que os visitantes poidan visitar as distintas páxinas web relacionadas co mundo da tornaría e a colocación durante todos os días de dous stands de exposición e venda de ferramentas e publicacións sobre tornaría.
Para rematar, terá lugar unha selección de pezas que integren a primeira exposición itinerante de madeira torneada en Galiza. A intención desta exposición é poñer en valor o traballo dos torneiros achegando as súas obras á sociedade. Ademais de promover o carácter cultural ou etnográfico, a exposición serviría para empurrar un renovado sector emerxente.
Dende a Dirección Xeral de Comercio estase a traballar en diversas frontes que van dende a formación dos artesáns a outros aspectos relacionados coa promoción e investigación, incidindo especialmente na innovación, no deseño e na calidade; para adaptar deste xeito a artesanía a un consumidor cada vez máis esixente e selectivo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.