
O buque polivalente do Servizo de Gardacostas Irmáns García Nodal parte do Porto de Marín cara a Costeira do Bonito para acompañar ás embarcacións que están traballando na campaña deste ano. A bordo deste barco da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos irá un observador da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) que acompaña á tripulación do Irmáns García Nodal ata 2 de setembro, data prevista para o regreso a terra.
Esta é a primeira vez que un observador do CEMMA embarca nun dos buques da Consellería de Pesca para acudir á Costeira do Bonito e é posible gracias á colaboración existente entre os dous organismos. Trátase dun biólogo experto en observación marítima que desenvolverá un traballo de observación e rexistro, recollendo documentación e datos sobre avistamentos de cetáceos e outros mamíferos mariños.
Concretamente, tentará aproveitar ao máximo as horas de luz para, dende a cuberta do Irmáns García Nodal, poder obter información sobre o estado do mar e a presenza de baleas e outros mamíferos mariños. Nas anotacións indicarase a especie avistada, o número de exemplares e o seu comportamento. Ademais, o biólogo do CEMMA tratará de obter datos dos pesqueiros que participan na Costeira sobre o achegamento destes animais ás embarcacións e o seu proceder.
Esta documentación, quedará rexistrada na base de datos de avistamentos do CEMMA, que está integrada por información referente a avistamentos dende puntos da costa ou realizados dende embarcacións. Neste sentido, o observador da Coordinadora destaca a importancia de poder embarcar no Irmáns García Nodal, xa que son poucas as oportunidades que teñen de realizar avistamentos en alta mar.
Costeira do Bonito 2007
Con este novo acompañamento á frota boniteira complétase a previsión dos buques do Servizo de Gardacostas para a campaña de 2007. De feito, o Irmáns García Nodal xa estivo nos caladoiros onde se captura este túnido entre o 11 de xuño e o 2 de xullo, e posteriormente foi substituído polo Sebastián de Ocampo dende o 11 de xullo ata o 2 de agosto. Este ano, ademais, a Consellería de Pesca conta entre a súa tripulación cun ATS, que prestará a atención médica de emerxencia que sexa necesaria.
O obxectivo dos dous buques é prestar apoio e asistencia á frota boniteira, comprobar que as embarcacións autorizadas para a pesca respectan a normativa vixente e asegurarse de que as frotas comunitarias participantes cumpren coa prohibición do emprego de artes de enmalle á deriva.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.