Notas de prensa

As descargas de produtos de pesca de baixura nas lonxas galegas rexistran unha mellora no primeiro semestre deste ano

Entre as especies capturadas en augas costeiras de Galicia destacan, segundo a súa evolución, o polbo, o choco, o congro, a robaliza e o camarón. Entre xaneiro e xuño de 2007, os técnicos da Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) da Consellería de Pesca realizaron preto de 400 mostraxes en augas galegas.

As descargas de produtos pesqueiros e marisqueiros procedentes da pesca de baixura rexistradas nas lonxas galegas nos seis primeiros meses deste ano amosan unha melloría respecto ao mesmo período do exercico pasado. Así se recolle no informe elaborado pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB), dependente da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, correspondentes aos meses de xaneiro a xuño.

Dacordo coas análises realizadas, entre as especies capturadas en augas costeiras de Galicia destacan, segundo a evolución das descargas en lonxa, o polbo, o choco, o congro, a robaliza e o camarón. De feito, o primeiro semestre de 2007 amosa un incremento nas capturas de polbo respecto aos dous anos precedentes, situándose as cifras, incluso, por enriba da media do período 1997-2004. Cabe sinalar que ata o día 11 de maio (inicio da veda deste ano) descargáronse nas lonxas galegas 1.024 toneladas deste cefalópodo, unha cantidade que supera amplamente as 604,7 toneladas do ano pasado na mesma época ou as 866,5 toneladas de 2005.

Aínda que as cifras de 2007 son boas, houbo dous meses nos que as descargas de polbo experimentaron un descenso. Tratátase de febreiro e maio e esas caídas pódense explicar polo mal tempo, no primeiro caso, e polo comezo da veda, no segundo. A veda deste ano tivo lugar entre o 11 de maio e o 9 de xullo e correspóndese cunha medida demandada polo sector e promovida pola Consellería de Pesca para recuperar o stock desta especie.

Bos resultados son tamén os rexistrados por outro cefalópodo, o choco, xa que entre xaneiro e xuño descargáronse case 473 toneladas deste recurso no conxunto das lonxas galegas. Esta cantidade representa un aumento do 36,5 por cento en comparación cos mesmos meses de 2006 e do 40 por cento respecto ao promedio da serie histórica 1997-2006.

Na mesma dirección sitúase a evolución experimentada por outra das especies analizadas, o congro. Deste xeito, nos seis primeiros meses de 2007 chegaron ás lonxas da nosa comunidade autónoma 2.007 toneladas deste recurso o que supón unha mellora do 56,4 por cento en relación ás 1.238 toneladas de congro descargadas nese mesmo período o exercicio pasado.

Outras especies con resultados positivos foron a robaliza e o camarón. En canto á robaliza, no primeiro semestre de 2007 descargáronse 144 toneladas o que representa un incremento do 20 por cento fronte ao ano anterior neses mesmos meses. Por outra banda, os datos de primeira venda de camarón declarados en lonxa entre xaneiro e xuño deste exercicio tamén amosan unha mellora en comparación cos dous anos anteriores.

Outras especies

Outras especies analizadas pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura son a centola e a anguía, detectándose no primeiro caso unha evolución similar á do ano pasado. De feito, no primeiro semestre deste ano chegaron ás nosas lonxas 148,6 toneladas deste recurso, un rexistro prácticamente idéntico ás 150 toneladas do exercico anterior e superior ao do promedio da serie 1997-2006 (91 toneladas).

En canto á anguía, aprecíase unha volta á normalidade despois dos elevados valores recollidos en 2006, cando no conxunto de todo o ano se capturaron 62.838 quilos de anguía, o máximo histórico de descargas en Galicia. Pola contra, entre xaneiro e xuño de 2007 capturáronse 10.563 quilos de anguía en augas costeiras da nosa comunidade, dos que 8.950 quilos corresponden ás lonxas ubicadas nas Rías Baixas, xa que máis do 90 por cento da flota adicada a esta especie traballa nesa área.

Unidade Técnica de Pesca de Baixura

A Unidade Técnica de Pesca de Baixura é un departamento que ten, entre as súas funcións xerais, avaliar o estado dos recursos mariños de baixura e o estudo do efecto das artes extractivas nas poboacións. Ademais, realiza a investigación sistemática das diferentes pesqueiras de baixura que se desenvolven nas augas mariñas galegas. Deste xeito, lévanse a cabo embarques de observadores durante as faenas de pesca obténdose datos da composición do recurso capturado e descartado, a duración da faena e as artes empregadas, entre outros.

No primeiro semestre deste ano, os técnicos da UTPB realizaron un total de 369 mostraxes, das que 91 corresponderon a trasmallos; 66, a miños; 55, a nasa de polbo; e 30, a betas. Así mesmo, entre as artes nas que se levou a cabo un maior número de análises tamén se sitúan o palangrillo (23 mostraxes), a nasa de butrón (20) e a nasa de camarón (19).

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-08-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (educacion-infantil-.jpg) Galicia reforza por terceiro curso consecutivo o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e achégase ao 65 %, máis de 15 puntos por riba da media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar hoxe o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Deste xeito, Galicia segue sendo a comunidade autónoma onde máis familias poden acudir a unha escola infantil totalmente gratuíta. As cifras oficiais revelan que Galicia rexistrou no curso 2024-2025 unha taxa do 64,3 % de escolarización, máis de catro puntos por riba do 60,6 % acadado no período anterior. Esta porcentaxe mantén á comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vénse de activar o nivel 1 de alerta a diversas áreas da comunidade autónoma por episodio de calor. Meteogalicia informa que a partir da xornada do venres 27, as altas presións volverán localizarse ao norte da península Ibérica, achegando unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana. Isto fará que as temperaturas experimenten significativos ascensos, tanto nos valores mínimos como nos máximos. Este ascenso de temperaturas comezará a notarse desde ese mesmo día, cando en moitos puntos de Galicia se superarán os 30ºC, e mesmo os 35ºC, en puntos do interior.

Notas

A Universidade de Santiago acolleu o acto de constitución da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial, que nace con vocación interdisciplinar e transversal ao integrar máis de cen investigadoras e investigadores de todo o Estado interesados nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA. A sesión constitutiva tivo lugar na propia Facultade, cuxo decano Xavier Donato é promotor desta iniciativa que fixará a súa sede en Compostela e que organizará o primeiro congreso nacional de filosofía da IA.
Do 26 ao 28 de setembro, o concello ourensán de Lobios acollerá o Xurés 2025, que aglutina a celebración do IV Seminario Internacional de Educación Social, a IV Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social e o festival musical Xurés Son. A cita, o maior encontro internacional de profesionais da educación social, está promovida polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e coordinada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES