Despois dos acontecementos ocorridos nos últimos días nalgúns areais galegos, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos quere recordar aos bañistas, que nesta época se achegan ás praias, que está totalmente prohibido capturar recursos pesqueiros. Soamente poden realizar labores de extracción de moluscos bivalvos ou doutras especies pesqueiras as persoas que dispoñan dun permiso para realizar esta actividade e que, polo tanto, se dediquen a esta profesión como medio de vida.
Deste xeito, o departamento de Pesca vése na obriga de lembrarlles que a pesca e o marisqueo constitúen unha importante actividade económica en Galicia e é responsabilidade de todos nós non só manter o repecto polos recursos mariños, senón tamén polos traballadores e traballadoras do mar, que atopan neste medio o seu modo de sustento. Polo tanto, calquera actividade furtiva non só vai en contra dos recursos, senón tamén en contra destes profesionais.
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en colaboración coas confrarías de pescadores de toda Galicia, está a realizar un importante esforzo ano tras ano sufragando os gastos derivados da vixilancia dos bancos marisqueiros, que xestionan os propios pósitos nas súas autorizacións. Estes labores de vixilancia, que se realizan baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas, ten por obxectivo informar ás persoas que descoñecen a prohibición de mariscar nas praias, disuadir a aquelas que capturan ilegalmente o marisco e abrir os expedientes pertinentes aos infractores, que posteriormente se dirixirán á Consellería de Pesca para a imposición das sancións correspondentes.
Máis dun millón de euros para vixilancia e asistencias técnicas en 2007
As axudas para a vixilancia dos bancos marisqueiros son posibles grazas á aprobación por parte de Pesca da Orde do 30 de decembro de 2005 de axudas a proxectos colectivos de xestión integral, que contempla para este ano 2007 unha inversión de máis dun millón de euros para vixilancia dos areais e asistencias técnicas das confrarías. Esta norma contempla que o persoal de control que realiza os labores de vixilancia para os pósitos debe dispor da habilitación como garda particular de campo, especialidade de gardapesca marítimo, e actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este.
Así mesmo, Pesca porá en marcha nestes días unha campaña de publicidade específica para os bañistas que visitan Galicia nestas datas para informalos da necesidade de respectar e coidar os nosos recursos mariños e aos nosos profesionais. Esta iniciativa ten como finalidade disuadir a esta xente de calquera conducta ilegal nas praias galegas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.