Notas de prensa

CC.OO. valora os datos do paro en galicia: máis do 64% dos desempregados son mulleres

Con todo, o descenso do paro feminino cuadriplica ao masculino. A porcentaxe de contratación indefinida volve descender.

Segundo os últimos datos do paro, o desemprego en Galicia descende tanto nos homes como nas mulleres, tanto en termos absolutos como relativos. Así, no caso masculino reduciuse en 630 persoas (1,24 % menos) polas 2.528 (un 2,74 % menos) no caso feminino. Malia á alta taxa de desemprego entre as mulleres, a redución do paro feminino representou o 80 % da total.

O número total de desempregados rexistrados no mes de xullo foi de 139.998, dos que o 64,16 % son mulleres e o 9,36 % mozos e mozas menores de 25 anos. En comparación co mes pasado, hai 3.158 desempregados menos, o que supón un descenso do 2,21 %, superando en 2,44 puntos a variación porcentual do conxunto do Estado, nque este mes aumenta a porcentaxe de parados un 0,23 %.

A diminución é, en termos absolutos, das maiores rexistradas no Estado, a terceira despois das Canarias e Castela e León. En termos relativos, os maiores descensos déronse en Melilla (12,56 %) e nas comunidades de Cantabria (3,91 %) e Castela e León (3,28 %). En relación co mes de xullo de 2006, continúa a tendencia. En termos absolutos, no noso país o paro descende en 8.070 persoas mentres que en España aumenta en 15.354. En termos relativos, cae un 5,45 %, superando en 6,24 puntos a variación estatal. A
comunidade galega rexistrou a maior diminución, en termos absolutos, do conxunto do Estado, mentres que en termos relativos este descenso interanual só foi superado pola comunidade de Asturias (7,30 %).

Comportamento por sectores e provincias

En termos absolutos, o sector no que máis descende o desemprego é o dos servizos con 1.473 parados menos. A continuación sitúase un colectivo formado por persoas sen emprego anterior que, se ben no mes anterior era no único no que aumentaba o paro, neste descende en 1.028 persoas (un 4,52 %, a maior diminución en termos relativos).

En canto ás provincias, diminúe o paro en todas agás en Ourense, onde non se rexistra variación con respecto ao mes anterior. Este mes é Pontevedra a que experimenta o maior descenso tanto en termos absolutos como porcentuais, con 1.591 parados menos (un 3,06 %). En termos relativos vai seguida de Lugo (un 2,40 %) e da Coruña (2,08 %).

Contratacións xuño-xullo

No referente ás contratacións, no mes de xullo concertáronse 91.161 contratos, dos que menos da décima parte (só 8.318) son indefinidos, isto é, un 9,12 % do total.

Trátase dunha taxa moi baixa e que, coa excepción do mes pasado, vén diminuíndo desde febreiro. Cabe sinalar tamén que esta porcentaxe de contratación indefinida sobre o total, continúa estando por baixo da media estatal tamén desde febreiro,
concretamente 1,18 puntos inferior.

En comparanza co mes de xuño, o número de contratos rexistrados aumenta en 12.739, un 16,24%. Os maiores aumentos rexistráronse en Melilla (84,92 %), seguida de Cantabria (24,02 %) e Castela e León (21,16 %). No conxunto do Estado, comparativamente aumenta a porcentaxe de contratos asinados nun 10,92 %. Murcia é a
única comunidade onde descenden o número de contratos (un 9,29 %). En termos interanuais tamén aumenta a contratación en Galicia un 7,07 %, máis de 2 puntos por riba do aumento rexistrado no conxunto do estado. Tamén foi Melilla onde se rexistrou o maior aumento en termos relativos con un 61,53 %, e Murcia a que
maior descenso rexistrou con un 9,14 %, que xunto con Ceuta (3 %) foron os únicos lugares de España onde descenderon os contratos.

Por sexos destaca que só o 47,46 % dos contratos foron asinados por mulleres, porcentaxe que aínda é menor se atendemos á duración do contrato, xa que só concertaron o 42,56 % dos contratos indefinidos.

Avaliación de CCOO

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia avalía positivamente a redución do paro no mes de xullo en relación co conxunto do Estado, así como o incremento da contratación. Porén, ante o elevado volume de desemprego que seguen a sufrir as mulleres galegas, así como a súa escasa participación na contratación, sobre todo na indefinida, insiste na necesidade de fomentar políticas activas de emprego a favor destas. Tamén sinala que desde febreiro a porcentaxe de contratación indefinida sobre o total ven diminuíndo, e manténdose por baixo da porcentaxe estatal en máis de un punto.

Xerardo Uz (Oficina de Prensa de CC.OO.), 2007-08-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES