Notas de prensa

O vicepresidente da Xunta asiste á I Festa de Exaltación da IXP Ternera Gallega

Quintana aposta por involucrar ao interior de Galicia como clave no desenvolvemento do país. Di que o Plan de Reequilibrio Territorial servirá para saldar a débeda coa Galicia do interior.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reivindicou o papel que debe xogar a provincia de Lugo na dinámica de desenvolvemento futuro do país e apostou por optimizar todo o potencial dunha provincia ata agora infravalorada e desaproveitada. No marco da I Festa de Exaltación da IXP Ternera Gallega, á que tamén asistiu o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o vicepresidente destacou a importancia do Plan de Reequilibrio Territorial de Galiza 2007-2010, e asegurou que este Goberno quere cambiar a tendencia que fixo aumentar a fractura territorial do país, substituíndo a lóxica do crecemento desigual pola do reparto equitativo de oportunidades e de benestar entre os galegos da costa e os do interior.

Quintana amosou o seu convencemento en que Galiza, para medrar como país, precisa facelo de xeito homoxéneo, equilibrado. Neste senso, explicou que as políticas desenvolvidas polos Gobernos anteriores o único que fixeron foi agudizar as diferenzas entre as provincias da costa e as do interior: Galiza medrou sen ter en conta as súas provincias interior. Por iso, afirmou que este Goberno quere saldar a débeda coa Galiza interior aproveitando para isto os factores de desenvolvemento endóxeno do seu territorio, para atraer xente de fóra e tamén para que a poboación destes concellos poida quedar aquí e non teña que marchar para outro sitio á procura de oportunidades que non atopa no seu contorno.

Quintana lembrou que recentemente o Goberno galego vén de presentar o Plan de Reequilibrio Territorial de Galiza 2007-2010, co que se pretende impulsar o desenvolvemento económico equilibrado e sostible do país. Este plan prevé un investimento total de 3.657 millóns de euros, cos que se quere superar a dinámica actual da Galiza de dúas velocidades, facendo un maior esforzo inversor nas zonas do interior de Lugo e Ourense.

O Plan comprende cinco eidos fundamentais de actuación: as infraestruturas produtivas, o medio ambiente, os equipamentos sociais, o medio rural e a pesca, e a promoción económica. En torno a estes eixes sectoriais encádranse unhas 500 actuacións en ámbitos como os transportes, a educación, a saúde, a vivenda, a industria e o emprego, entre outros.

Segundo dixo o vicepresidente, trátase dun Plan para superar as inercias negativas que limitan ao país e ás súas posibilidades de crecemento, combinando os investimentos en infraestruturas físicas, co impulso da competitividade e da innovación dos nosos sectores produtivos, e facendo tamén unha importante aposta polo investimento social. “É un plan para o territorio e para a xente”, acrecentou.

Actuacións

O Plan delimita 4 zonas de dinamización económica en función das súas peculiaridades e potencialidades de desenvolvemento endóxeno. O concello da Fonsagrada está integrado na Zona 3, que comprende a provincia de Lugo, o Sur da de Coruña e o Interior Norte de Pontevedra. Nesta zona, prevese un investimento total de 747 millóns de euros, dos que as medidas no ámbito dos servizos sociais e no do desenvolvemento rural supoñen máis de 153 millóns de euros.

Entre as actuacións previstas neste concello están a estrada da Fonsagrada, a mellora e ampliación das redes de abastecemento, a construción dun centro de día e residencial e a creación dunha oficina de igualdade e benestar.

Equipamentos sociais

Para Quintana, a consecución do equilibrio territorial entre a costa e o interior pasa por dotar aos concellos rurais do interior dos equipamentos sociais necesarios que permitan que a xente poida ter acceso á unha vivenda digna, que poida ter fillos e levar a eses fillos a unha escola infantil no seu concello, que poidan contar con centros de día e residencias nas que os maiores dependentes poidan ser atendidos. Uns equipamentos, en definitiva, que garantan o benestar das persoas e lles permitan vivir e desenvolver o seu proxecto vital no seu concello.

Con esta finalidade, asegurou que dende a Vicepresidencia se está a desenvolver unha rede pública de servizos sociais, que cubra o conxunto do territorio e acabe coas diferenzas entre galegos e galegas de primeira –aqueles que teñen acceso a máis servizos e prestacións– e galegos de segunda –aqueles que teñen dificultades para acceder a eses mesmos servizos por vivir nun concello rural ou do interior do país.

Valorización do sector primario

Na mesma liña, na opinión do vicepresidente, o desenvolvemento do interior pasa tamén polo aproveitamento e a valorización do seu sector primario. Durante anos o rural galego foi o gran esquecido das actuacións públicas, asegurou, e engadiu que este Goberno está comprometido co sector primario e co noso medio rural, por iso un dos eidos de actuación do Plan de Reequilibrio é precisamente este.

Neste apartado, lembrou que se desenvolven liñas contra o abandono da capacidade produtiva do noso medio rural; lévanse a cabo actuacións de valorización do monte para un mellor aproveitamento forestal; promóvese a incorporación de xente nova á actividade agraria e a implantación de novas explotacións; favorécese a iniciativa emprendedora no sector agroalimentario e impúlsanse medidas de apoio ao sector agroindustrial, apostando pola diversificación de actividades e a modernización das explotacións.

IXP Ternera Gallega

Como exemplo das posibilidades do sector, o vicepresidente aproveitou a presenza na I Festa de Exaltación da IXP Ternera Gallega para poñer de relevo a importancia desta Indicación Xeográfica Protexida que ten sido un importante factor de dinamización económica para moitos concellos galegos: Ternera Gallega ten demostrado, dende a súa creación en 1989, que é posible combinar a aposta polos sectores tradicionais coa competitividade e o liderazgo empresarial. Quintana destacou que Ternera Gallega permitiu fixar poboación en moitos concellos rurais ao proporcionarlles unha saída profesional a moitos gandeiros, evitando así a despoboación de amplas zonas do territorio.

Na actualidade, Ternera Gallega conta con máis de 7.000 produtores adscritos, que permitiron que o pasado ano se puxeran á venda máis de 15.000 toneladas desta carne certificada e que o número de establecementos con imaxe corporativa de Ternera Gallega que comercializan carne con esta Denominación medrara máis do 50% nos últimos 5 anos e un 21% en 2006. Nestes anos, Ternera Gallega soubo adaptarse ás necesidades do mercado e ás demandas dun consumidor cada vez máis esixente, apostando pola mellora constante da calidade do produto. Isto supuxo que máis da metade da carne de vacún con denominación de calidade que se comercializa no conxunto do Estado corresponda a Ternera Gallega. Seguindo este exemplo, o sector ten que continuar traballando para consolidar e aumentar esta posición no mercado estatal, liderando definitivamente o mercado da carne de calidade en España, dixo.

A este respecto, asegurou que dende a Administración se traballa neste camiño para mellorar as condicións de vida do sector, a fin de dignificar esta actividade, garantir a calidade de vida dos traballadores e o relevo xeracional. Así, lembrou que entre as medidas emprendidas polo Goberno no campo da profesionalización, hai que salientar a posta en marcha do Instituto Galego de Calidade (INGACAL), que a partir do próximo mes de setembro estará xa dotado dunha estrutura orgánica para dar cobertura e ofrecer servizos ao sector, en especial ás Denominacións de Orixe.

Para o vicepresidente, tamén os consumidores xogan un importante papel no mantemento e a expansión desta actividade produtiva, pois esixindo o etiquetado á hora de mercar carne de tenreira de calidade, “todos e cada un de nós podemos contribuír a manter vivo o medio rural”. Ademais a elección do consumidor de produtos con distintivo de calidade supón unha aposta por procesos produtivos con garantías para a nosa saúde e que contan co respaldo da Unión Europea co recoñecemento da categoría de Indicación Xeográfica Protexida.

Quintana afirmou que Galiza e moitos produtos e sectores galegos se teñen convertido en auténticas marcas de calidade, de garantía e de prestixio. “Este país, e sobre todo o seu medio rural, teñen aínda un gran potencial por explotar e temos que ser capaces de aproveitar todo ese potencial”. “O Plan de Reequilibrio Territorial representa un instrumento para logralo, e unha oportunidade para acabar coa división artificial do país”, concluíu.

Pola súa banda, tamén Alfredo Suárez Canal aludiu á aposta decidida que está a facer a Consellería do Medio Rural pola potenciación da produción de carne galega de calidade. Neste sentido destacou a liña de axudas á produción de carne comercializada baixo distintivo de calidade que ascendeu o pasado ano a máis de 827.000 de euros e a introdución, a través do PDR, dunha liña de apoio á participación en rexímenes de calidade, para a que se contemplan máis de 7 millóns de euros.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2007-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES