O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, presidiu en Santiago o acto de constitución do Instituto de Estudos Turísiticos de Galiza, xuntanza na que se decidiu nomear directora do mesmo a Ángeles Piñeiro Antelo, investigadora da USC experta en turismo. Licenciada en Xeografía pola Universidade de Santiago, Ánxeles Piñeiro Antelo está en posesión do posgrao de especialista en desenvolvemento local e ata o de agora viña realizando labores de investigación dentro do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galiza (IDEGA), como xestora do grupo de investigación de Análise Territorial (ANTE). Participou en numerosos proxectos de investigación no marco europeo en ámbitos de actuación como o turístico.
O consorcio Instituto de Estudos Turísticos de Galiza, cuxa creación fíxose efetiva en abril pasado, ten por obxecto contribuír ao desenvolvemento do sector turístico de Galiza, en especial no eido da elaboración de estatísticas e no ámbito investigador. Así mesmo, as funcións do instituto basearanse en estudar a capacidade competitiva das empresas turísticas e do sector turístico en Galicia; en desenvolver tarefas de investigación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo; e en prestar asistencia ás empresas e entidades vencelladas ao turismo coa fin de mellorar a calidade do sector. O participará no fomento e desenvolvemento de investigación cooperativa entre as empresas e a análise estatística do desenvolvemento do sector turístico e as súas necesidades. Será outro dos obxectivos desta entidade a transferencia de resultados de investigación entre os centros públicos e de investigación e as empresas vinculadas ao sector turístico.
Na reunión constitutiva, o consorcio aprobou a estrutura interna e regulamento do Instituto, fixando a súa primeira sede na Dirección Xeral de Turismo. A presidencia do organismo correspóndelle ao titular da Consellaría da Xunta de Galiza competente en materia de turismo, neste momento, ao conselleiro de Innovación e Industria. O Consello de Dirección do instituto está integrado por unha presidenta ou presidente, unha vicepresidenta ou vicepresidente e mais nove vogais, un por cada un dos organismos que o integran (agás a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galiza, que conta con dous vogais), así como a directora do instituto e mais un secretario ou secretaria (con voz pero sen voto). O Instituto contará, así mesmo, cun consello científico cuxos membros serán nomeados polo Consello de Dirección entre persoas de recoñecido prestixio. Finalmente, a dotación económica do consorcio por parte da Consellería de Innovación e Industria ascenderá a 642.580 euros.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.