
O Sindicato Labrego Galego presentou en Ribadavia a súa candidatura para as eleccións ao Consello Regulador do Ribeiro. A lista do SLG vai encabezada por un vitivinicultor de Cenlle, Xurxo Álvarez Pérez, que será vocal do Consello; e a quen acompañan, como suplentes: Francisco Alonso Fernández, Felicita
Touza, Etelvino González e José Jaime Gil.
A candidatura do Sindicato Labrego vai ser a garantía de que, a partir do 1 de xullo, o Consello Regulador do Ribeiro defenda tamén os intereses de viticultores e viticultoras, así como os das pequenas adegas; e garantía, tamén, dunha aposta inequívoca pola calidade. Unha boa mostra disto é o programa de demandas que o Xurxo Álvarez defenderá, en nome do Sindicato Labrego, no seo do Consello Regulador do Ribeiro:
Control estricto da uva e do viño no Ribeiro, incluíndo controis de campo en viñas.
Seguimento e combate á publicidade enganosa nos puntos de venda.
Profesionalización do Consello Regulador, coa inclusión da xerencia e asunción de competencias polo Pleno.
Plan de promoción e comercialización dos viños do Ribeiro.
Apoio Técnico ás adegas de colleiteiro.
Apoio por parte do Consello Regulador á Mesa do Viño.
Posta en marcha de iniciativas e axudas en favor da reconversión varietal no Ribeiro.
Apoio ás medidas estructurais na explotación da terra (Rexistro Vitícola, Banco de Terras, concentracións parcelarias, etcétera).
Separar o control de produción do control da elaboración, non optando nunca pola privatización.
Separar o control da certificación, sendo exclusivamente o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL) quen emita as etiquetas.
Debater co sector o orzamento e a estratexia de promoción.
Elección do presidente ou presidenta: será democrática e terá preferencia a persoa que sexa do sector, aínda que non sexa vocal. O pleno tomará a decisión.
Incluír nos consellos a unha persoa, con voz e sen voto, representando consumidores e consumidoras.
Non permitir productos obtidos con organismos manipulados xeneticamente.
Establecer e favorecer prácticas sustentábeis, limitando o emprego de químicos, creando un listado de produtos prohibidos, etcétera.
Medidas de control nos mercados para garantir que non existen residuos no produto final.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.