Notas de prensa

Vigo acolle a gran festa da Galicia multicultural: IntegrArte

Celébrase do 30 de xuño ao 2 de xullo na Estación Marítima onde se congregan artistas e asociacións de todo o mundo. Pretende ser un espectáculo-concentración de emigrantes retornados e inmigrantes en Galicia.

Moita xente no mundo ten a necesidade de abandonar a súa casa e a súa vida no país onde se criou para tentar mellorar as súas expectativas dun futuro mellor. Galiza, pobo historicamente emigrante, comeza a ser terra de acollida da emigración que hoxe acode a tódalas partes da rica Europa. A festa multicultural IntegrArte pretende ser un espectáculo que concentre a emigrantes retornados na procura das súas raíces e a aqueles inmigrantes que cada vez en maior número se achegan a terras galegas na procura dunha vida e dun futuro máis esperanzadores.

A música, a danza e a arte en xeral son vínculos de unión para os pobos e xuntos constitúen unha linguaxe para se comunicaren as xentes de calquera punto do planeta. Baixo este principio, os próximos 30 de xuño e 1 e 2 de xullo Vigo será o escenario onde asociacións de inmigrantes e artistas residentes en terras galegas de Uruguai, Paraguai, Marrocos, Venezuela, Cuba, Cabo Verde, Senegal, Colombia, Rusia, Bielorrusia, Ucrania, Inglaterra, Escocia, e Arxentina, xunto con artistas galegos, intentarán achegarnos as súas diferentes culturas.

Ademais da celebración de actuacións musicais nunha carpa situada no peirao de transatlánticos da estación marítima e da ubicación de diferentes postos de artesanía, en IntegrArte organizaranse obradoiros de percusión latina e africana, capoeira e tango. E durante todo o día instalaranse mesas con productos típicos de gastronomía aportadas polas asociacións de inmigrantes colaboradoras no proxecto. As mesas estarán decoradas coas bandeiras e iconos característicos da súa cultura e con exemplos do traballo que estas asociacións desenvolven en pos da integración da súa colectividade na vida galega.

Así o explicou en Vigo durante a presentación do programa de IntegrArte, a Conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Ãnxela Bugallo, quen estivo acompañada polo tenente de alcalde da cidade, Santiago Domínguez, o músico senegalés Samba Diagne e a presidenta da asociación ‘Uruguayos por el MundoÂ’, Jacqueline Collins. A festa multicultural está patrocinada pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte e conta coa colaboración da Autoridade Portuaria e o Concello de Vigo.

Tres días de música e danza

O encontro comeza o 30 de xuño pola tarde cun pasarrúas que dará paso ao grupo uruguaio de tambores e danza Urumundo, formado por membros da Asociación ‘Uruguayos por el mundo’ e que conta con corenta compoñentes. A continuación, a agrupación Cuba-Son tocará para os espectadores un amplo repertorio de músicas caribeñas. E tralo son cubano, a colombiana Martha Franco ofrecerá o seu espectáculo de danza árabe e xunto co seu grupo estable de música, Gaira, amosará a súa última montaxe `Silha’. Os ritmos africanos das caboverdianas Batuko Tabanka e o son folk de Macfeck de Reino Unido pecharán a primeira xornada.

O tango será o protagonista da mañá do domingo día 1 de xullo, xunto co arxentino Diego Alcántara e a percusión africana, que tomará de novo a rúa pola tarde. IntegrArte tamén dará cabida na tarde dominical á formación de música tradicional uruguaia Son del Barrio, os percusionistas senegaleses Thiossane, a cantautora arxentina de orixes galegas Lorena Lores que presentará o seu espectáculo `Galitango’ e o grupo de rock galego The Ellas, liderado polo actor e agora tamén cantante Luís Tosar.

Na última xornada da festa, o luns 2 de xullo, a banda de percusión Trópico de Grelos, especializada en ritmos afrobrasileiros, abrirá a xornada da mañá cun espectáculo que mestura a batukada coa capoeira. Asemade, este grupo levará a cabo un pasarrúas pola tarde, ao que seguirán o grupo de murga La exiliada, os rusos e ucranianos Nómada e a Banda de Nash, formada por un grupo de uruguaios afincados en Compostela. E para pechar o IntegrArte terá lugar unha festa final con 061 Música Urxente, unha agrupación formada por músicos de Cuba e Galiza.

Asociacións e artesanía

A Asociación de Inmigrantes Paraguayos en Galicia, o Centro Cultural Cubano en Galicia, a Asociación Arxentinos no Exterior ou a Asociación Madres Latinas, formada por nais latinoamericanas preocupadas pola educación e integración dos seus fillos na comunidade galega, son algunhas das once agrupacións que achegarán ó público a súa cultura. Outros participantes que terán cabida en IntegrArte son a agrupación fundada por estudiantes Casa Latinoamericana en Galicia ‘CLAM’, Uruguayos por el Mundo ou a Asociación Marroquí de Pontevedra.

Tamén serán once os artesáns entre galegos e inmigrantes que amosarán as súas creacións arredor do gravado, dos mosaicos, do material de reciclaxe, da decoración sobre porcelana ou pedras naturais, do traballo de metais, da artesanía africana, do coiro, dos bonecos de trapo, do ferro e da técnica do pano. Ademais dos postos de venda que estarán abertos durante os tres días, celebraranse obradoiros de técnicas artesáns a través dos cales os visitantes se poderán achegar ó traballo destes artistas.

Anxela Chillón (Gabinete de Prensa 4 de Comunicación), 2007-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (20251223-xunta.jpeg) A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo. Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento. O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007
Foto de la tercera plana (otero-pedrayo.jpg) En concreto, o programa do Calendario do Libro e da Lectura inaugurará as súas 35 efemérides para o longo de todo o ano o 11 de xaneiro, co Día do usuario/a da Biblioteca e terá como unha das súas datas significativas desde mes, o Día da Ilustración, que se celebra o 30 e está dedicado ao humorista gráfico Siro López. Complétanse as datas significativas coa celebración, o 1 de abril, do Día das artes galegas, que se centra neste 2026 nun dos nosos fotógrafos máis vangardistas e internacionais, o ourensán José Suárez. En todo caso, este festexo estenderase todo o ano cunha ampla oferta de accións, do mesmo xeito que sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

Notas

O LHCb, un dos detectores do gran colisor de hadróns (LHC) do CERN en Suíza, produce colisións de protóns a altísimas enerxías. Estas colisións xeran partículas inestables que conteñen quarks pesados, cuxa desintegración permite estudar fenómenos de física fundamental que axudan a explicar por que o universo está formado principalmente por materia e case non contén antimateria.
Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, mantiveron este martes unha xuntanza na que se abordou a posta en marcha do Observatorio de Vivenda de Vigo tras a sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas institucións con esta finalidade. O obxectivo desta nova ferramenta será realizar e ofrecer unha diagnose constante do mercado da vivenda, monitorizar a súa evolución e propoñer medidas de corrección coa previa avaliación de súa idoneidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES