Notas de prensa

Un centenar de rapaces participarán no campamento musical Musigalizando

Este novidoso campamento de verán celébrase entre o 25 de xuño e o 1 de xullo no Albergue de Gandarío coa música como afección común dos participantes.

Máis de 90 rapaces pertencentes á Asociación Cultural Musical Solfa de Santiago, á Banda da Escola de Música de Rianxo e á Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia participan entre o 25 de xuño e o 1 de xullo na iniciativa Musigalizando, un campamento musical que se organiza coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, e os responsables das entidades implicadas presentaron en rolda de prensa esta iniciativa singular, que permitirá que os integrantes destas agrupacións poidan compartir o seu tempo de lecer arredor dunha afección común: a música.

Os participantes, con idades comprendidas entre os 8 e os 25 anos, compartirán durante unha semana as instalacións do Albergue Xuvenil de Gandarío, en Bergondo. Alí alternarán actividades de tempo libre en contacto coa natureza con ensaios á mañá e á noitiña que lles permitirán preparar un repertorio que ten como prato principal as bandas sonoras. O resultado final deste traballo conxunto poderán verse en dous concertos abertos ao público que se celebrarán o 30 de xuño na praza da Quintana en Santiago e o 1 de xullo na praza do Teucro en Pontevedra.

Os integrantes destes tres conxuntos levan dende o mes de xaneiro desenvolvendo o traballo previo a este campamento, preparando por separado o repertorio de partituras que permitirá montar estes concertos finais, onde soarán as músicas de filmes como La máscara del zorro, Mar adentro ou Bailando con lobos, entre outros. Segundo explicaron os profesores, trátase dun cartel que non poderían executar cada unha das agrupacións por separado por falta de medios humanos ou de instrumentos, pero que si poden abordar en conxunto, co importante reto que isto supón para os rapaces e rapazas.

Experiencia piloto

Pola súa parte, Rubén Cela explicou que o apoio da Dirección Xeral de Xuventude a este proxecto se encadra na liña de acción que vén desenvolvendo este departamento da Vicepresidencia de cara a potenciar a produción musical entre a mocidade. Así, aludiu a iniciativas como a Rede Galega de Locais de Ensaio e o certame GZ Crea, que conta con apartados específicos na súa modalidade de composición para bandas noveis e para bandas tradicionais.

O director xeral destacou o novidoso deste campamento, o primeiro destas características que se fai en Galiza, e adiantou que Xuventude vai estudar esta experiencia como proxecto piloto de cara ao seu desenvolvemento nas próximas Campañas de Verán. Neste senso, Cela subliñou a importancia que ten diversificar a oferta de ocio, máis concentrada nestes momentos nas vertentes lúdica, deportiva ou de medio ambiente, para potenciar estas iniciativas de tipo ludico-cultural.

Finalmente, o responsable de Xuventude da Vicepresidencia considerou este campamento un exemplo dos bos resultados que reporta o traballo man con man entre a Administración e as asociacións no eido da mocidade.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2007-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES