A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, clausurou o máster de Educación, Xénero e Igualdade organizado pola Universidade de Santiago de Compostela. Este curso foi posible grazas ao convenio asinado entre a institución universitaria e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
O obxectivo do devandito convenio é o participar en actividades formativas que busquen promover accións destinadas a fomentar os coñecementos en materia de igualdade de oportunidades, coeducación e educación non sexista. A través do máster búscase a formación de expertos cuxa actuación profesional se encamiñe a modificar comportamentos estruturais que van en contra da integración social das mulleres e da consecución da igualdade de oportunidades. Para a realización desta actividade formativa a Vicepresidencia fixo unha achega por valor de 18.000 euros.
Na súa intervención, Carme Adán explicou ademais as condicións dun novo convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago. Neste caso achéganse 10.000 euros para a realización de actividades destinadas a fomentar os coñecementos en materia de igualdade a través do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e Estudos do Xénero (CIFEX), do que é coordinadora a profesora Rita Radl Philipp.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.