
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; o director de Desenvolvemento de Negocio e Programas de Endesa, Martín Madrid Sanz; e os representantes de CCOO, José Enrique Chamosa, CIG, Tomás Pena, e UGT, Fernando Basoa, asinaron en Santiago o acordo para a realización das actuacións contidas no Plan de Desenvolvemento Económico Industrial para as Pontes. En virtude deste acordo, acometerase unha segunda fase deste plan, inicialmente previsto para o período 1997-2005, e que terá continuidade ata 2012, cunha achega de fondos de 2 millóns de euros por parte de Endesa. O acordo asinado hoxe tamén permitirá liberar outros 714.371 euros aprobados no período 1997-2005, tamén proporcionados por Endesa e aínda pendentes de executar.
Esta achega orzamentaria permitirá seguir apoiando os proxectos xeradores de emprego que soliciten implantarse no concello das Pontes de García Rodríguez, axudas que serán complementarias ás outorgadas polo Instituto para la Reestructuración da Minaría do Carbón, polo Ministerio de Economía ou polo IGAPE. En todo caso, para recibir axudas deste acordo, os proxectos de nova creación deberán supor un investimento mínimo de 600.000 euros e contar xa co respaldo financeiro dos organismos citados.
Unha comisión executiva integrada por todas as partes asinantes fará seguimento dos proxectos, tanto dos implantados coma dos que soliciten axudas para a súa implantación, axudas que poderán acadar como máximo o 5% sobre a base considerada subvencionábel pola comisión. A comisión executiva controlará igualmente a asignación das axudas, que serán tramitadas pola Oficina de Promoción e Desenvolvemento Económico do Plan (OPYDE), a orde de execución dos avais e mais a orde de execución das parcelas da fase actual do polígono de Penapurreira e das sucesivas ampliacións do chan industrial que poidan facerse con fondos da minaría nas Pontes. En xeral, esta comisión decidirá sobre todos aqueles asuntos que estean vinculados directamente co desenvolvemento do acordo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.