Notas de prensa

O presidente da Xunta mantén un almorzo de traballo co sector do granito e da lousa

Salienta que Galicia está a transformar o seu modelo de desenvolvemento económico e medra sobre bases sólidas.

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, avanzou que a Comunidade galega está a experimentar un bo comportamento económico, xa que está a transformar o seu modelo de desenvolvemento, medrando sobre bases “sólidas”. Logo de manter un almorzo de traballo con representantes do sector do granito e da lousa de Galicia, Pérez Touriño indicou que existen cinco indicadores “moi significativos” que determinan a “fortaleza” do crecemento económico de Galicia.

En primeiro lugar, o máximo mandatario galego sinalou como un dos indicadores da boa marcha da economía galega que se mellorou a produtividade media nun 1%. “No resto de España descendeu o ritmo de produtividade, non mellorou o indicador de produtividade na economía española, pero si en Galicia”, remarcou Touriño lembrando que na comunidade galega non só está a medrar o número de traballadores, senón que tamén se incrementou a capacidade de xerar riqueza por cada empregado. Isto, ao seu entender, demostra que as empresas galegas están mellorando os seus sistemas produtivos e que Galicia se está a especializar nos sectores que xeran maior valor engadido.

En segundo lugar, o presidente galego aludiu a que boa parte dos proxectos empresariais se están levando a cabo en sectores estratéxicos para a economía galega, como o sector da automoción, o téxtil ou as enerxías renovables. É dicir, estanse producindo en sectores “moi determinantes desde o punto de vista estratéxico do noso tecido produtivo”.

Como terceiro indicador, o máximo mandatario galego referiuse a que as exportacións están a medrar máis. “Só as exportacións de manufacturas, de tecnoloxía alta e alta-media, creceron máis do 25% nos últimos doce meses”, remarcou Pérez Touriño engadindo que se as exportacións en Galicia creceron nos últimos doce meses un 15% -moito máis que creceron as exportacións en España- aínda máis medraron as exportacións de cualificación tecnolóxica media-alta”, xa que creceron un 25%.

En cuarto lugar, Touriño salientou que se está a crear máis emprego e de maior calidade na comunidade galega. “Hai un forte aumento da contratación indefinida que corrobora xustamente que estamos avanzando na creación de emprego, cun número moi importante de miles de empregos creados nos últimos doce meses, pero sobre todo, un emprego de máis calidade, a través da contratación indefinida e incorporando de maneira sobranceira a mozos e mulleres”, sinalou o presidente da Xunta a este respecto.

Como o quinto indicador que reflicte o bo momento que está a atravesar a economía galega, o xefe do Executivo autonómico sinalou que Galicia está a medrar cunha reducida taxa de inflación, en abril de 2007 un 2% de taxa interanual, que é case medio punto inferior á de España, o que, en palabras de Touriño, “converte Galicia nunha das comunidades nas que medran menos os prezos”, logrando eliminar “o diferencial negativo de inflación con respecto aos nosos principais socios comerciais”, engadiu o presidente galego.

Clima de confianza empresarial

Con este contexto, Emilio Pérez Touriño subliñou tamén o clima de confianza empresarial existente en Galicia, tal e como o certifican os indicadores. Nesta liña, o mandatario autonómico referiuse a dous aspectos fundamentais:

O primeiro, que o investimento, a formación bruta de capital, está a medrar a un ritmo do 5,7%. “Esta é a compoñente da demanda que en maior medida está contribuíndo ao despegue da economía galega”, manifestou Touriño, quen engadiu que a economía da comunidade está a medrar moito sobre a base de que crece o investimento produtivo, “a acumulación de capital traducida en investimento”.

Como segundo factor, Pérez Touriño referiuse á creación de empresas. Nesta liña destacou que nos últimos doce meses se crearon preto de 7.000 empresas en Galicia, 19 cada día, o que supón un 5% máis que no período precedente.

“Son datos todos eles que reflicten que hai un crecemento efectivamente baseado nun equilibrio importante, nunha fortaleza importante da economía”, abondou o titular da Xunta.

Crecemento das exportacións e creación de emprego

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico avanzou que as exportacións galegas se están a comportar “extraordinariamente ben”, medrando un 15% nos últimos doce meses, case “o dobre que as exportacións españolas” e “5 puntos máis que as importacións”, o que, a xuízo de Pérez Touriño, pon de manifesto que “o noso déficit comercial se reduce e que estamos mellorando a taxa de cobertura exterior, xa que a nosa dependencia exterior diminúe notoriamente”, aseverou.

Xunto con isto, lembrou que Galicia é líder en creación de emprego, xa que en 2006 se lograron crear un total de 34.100 novos postos de traballo, “93 empregos cada día”. Un ritmo de creación de emprego “alto” que vai unido tamén a unha redución “moi importante da taxa de paro”, inferior ao 9% da poboación activa, “unha das taxas máis baixas dos últimos 25 anos”, segundo remarcou o xefe do Executivo autonómico.

“Nos últimos doce meses case que a metade do paro que se reduce en España é en Galicia”, explicou Touriño, asegurando que isto fai pensar que “ese obxectivo ambicioso do pleno emprego é posible nun horizonte non moi afastado”.

Touriño remarcou, por último, que isto se está a producir nun momento no que tamén medra o número de demandantes de emprego e non nun clima de recesión onde hai pouca demanda de traballo. “Temos arredor 1.200.000 activos, que é a máxima cifra dos últimos 30 anos”, aseverou lembrando que “nunca Galicia tivo nos últimos 30 anos tanto número de activos”, situándose a taxa de actividade en preto dun 54%.

“Estase incrementando a afiliación á Seguridade Social, a contratación indefinida creceu un 45% nos últimos doce meses e afecta sobre todo aos colectivos máis desfavorecidos”, concluíu a este respecto.

Galicia medra a un ritmo maior

Por último, o titular da Xunta explicou que a economía de Galicia, trimestre tras trimestre desde hai ano e medio, está a medrar “a un ritmo maior que o crecemento da economía española e europea”, liderando a xeración de emprego, o incremento da produtividade das empresas, a mellora da competitividade exterior e atraendo a novos investidores á comunidade.

“Efectivamente, nos dous últimos anos, basicamente no último ano e medio, estase a acelerar o ritmo de crecemento económico”, remarcou Pérez Touriño, salientando que no primeiro trimestre deste ano a economía galega creceu a un ritmo do 4,2%, “o ritmo de crecemento máis elevado dos últimos 6 anos en Galicia”, aseverou.

Xuntanza con representantes do sector do granito e da lousa
O presidente da Xunta fixo estas declaracións logo da xuntanza de traballo que esta mañá mantivo con 15 empresarios do sector do granito e da lousa, entre os que se encontraban os presidentes das respectivas asociacións profesionais. Pérez Touriño lembrou o seu interese por coñecer de primeira man os problemas concretos dos principais grupos de actividade económica de Galicia e destacou o papel de liderado que ocupa a comunidade autónoma en España nos eidos do granito e da lousa.

Así mesmo, o máximo mandatario autonómico subliñou o “alto grao de internacionalización” que presentan estes dous sectores, polo que, ao encabezar as exportacións españolas, os empresarios galegos do granito e a lousa “colocan produto Galicia nos mercados mundiais”. Así mesmo, expresou o seu recoñecemento ao sector do granito como “un dos exemplos de transformación do empresariado galego”, xa que, en poucos anos se pasou de exportar materia prima a vender un produto transformado e, polo tanto, “cun valor engadido”.

No almorzo de traballo desta mañá entre o titular do Goberno galego e representantes do sector do granito e da lousa participaron Gumersindo Gestoso, xerente Granitos de Atios S.A. e presidente da Asociación Galega de Graniterios; Jesús Vidal Corcoba, presidente PIQUISA e presidente da Asociación Galega de Pizarristas; José María Alonso, conselleiro delegado de Graninter S.A; Vicente Carnero Baz, presidente de Granitos Ibéricos S.A.; Manuel Fernández Blanco, conselleiro delegado Cafersa; José Luis Heitzmann, xerente Rocas Europeas de Construción S.A.; José Luis Méndez Pascual, conselleiro Cupire-Padesa S.L.; Rogelio López Rodríguez, director xeral de Irosa; Víctor Jáuregui, xerente de David Fernández Grande S.L.; Carlos López, director xeral de Grupimar S.L.; Alfonso Ventoso Castro, presidente de Euro-Roca S.A.; Herminio Blanco Remesal, xerente de Pizarras Castrelos; Fernando Varela, xerente de Gralicia Pedras Elaboradas S.L.; e Manuel Barros, administrador do Grupo Miñor Galicia S.L.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-06-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (setecidades-setesabores.jpg) Os chefs representantes de cada cidade son: Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol); Carlos Montes de La Sifonería Gastrobar (A Coruña); Rodrigo Seoane de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela); Rubén González de El Cafetín de La Alameda (Pontevedra); Rebeca Guede de La Orensana (Vigo); Beatriz Alcalá de La zapatería del abuelo (Ourense) e Jose Luis Pardo de El Boni (Lugo). Os sete cociñeiros competirán por dous galardóns e serán outorgados por un xurado profesional e outro popular, integrado polos invitados á gala, que utilizará un sistema de televotación. Todos eles valorarán cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor.
Foto de la tercera plana (trens-turisticos-2026.jpg) Presetouse a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil. Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo). O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada.

Notas

A USC será do 10 ao 12 de xuño o punto de encontro da comunidade universitaria dedicada á Tecnoloxía Educativa co desenvolvemento das XXXIII Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE 2026). O congreso, que reúne profesorado, persoal investigador e estudantado de universidades de toda España e do estranxeiro, regresa á Facultade de Ciencias da Educación baixo o lema ‘Alfabetización Dixital Crítica para unha Convivencia Híbrida’.
O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebrou a súa primeira década de existencia, na que se consolidou como un dos polos científicos máis dinámicos do sistema galego integrado na Rede Cigus e como un referente no arco atlántico europeo. Foi nun acto institucional que tamén serviu para conmemorar os 20 anos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, unha infraestrutura singular que forma parte da rede europea EMBRC e que dá soporte a unha comunidade científica de máis de 200 investigadores dedicados ao estudo do océano.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES