Notas de prensa

O novo circo, no Centro Dramático Galego co espectáctulo Kamikaze

Esta primeira experiencia de circo en Galicia está coproducida con Pitacatro, dirixida por Hernán Gené, e se estrea o 14 de xuño no Salón Teatro de Compostela.

O Salón Teatro de Santiago acolle o xoves día 14 ás 20.30 horas a estrea do espectáculo Kamikaze, a cargo da compañía PistaCatro Produtora de Soños en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Esta creación colectiva con dirección do arxentino Hernán Gené, que permanecerá en cartel até o domingo día 17, supón a apertura da compañía pública ao xénero do novo circo, mediante a aposta polo traballo de PistaCatro como colectivo pioneiro en Galiza no devandito xénero escénico.

Con Kamikaze, o CDG retoma ademais o sistema de coproducións con empresas de teatro privadas, unha liña de traballo importante nos inicios da compañía pública. A colaboración entre a institución e as compañías galegas non só favorecerá ao sector, senón que tamén enriquecerá ao Centro mediante a asunción de novas experiencias e a participación interprofesional.

Dirixida a todos os públicos, en Kamikaze, a homenaxe a un amigo falecido é o pretexto para que o espectáculo cobre vida por medio dunhas misteriosas personaxes, que se dan cita nunha ceremonia que repiten solemnemente cada ano para amosar o seu pesar, ao tempo que defenden un modo de vida artística tan arriscado como persoal. Un tipo gris e aburrido chega alí de xeito accidental. ¿Quen era o morto para merecer tantos honores?, ¿Por que despois da morte celébrase tanto a vida?, ¿Será que a vida é tamén unha kamikaze?.

INTERPRETACIÓN TOTAL

Os protagonistas son sete persoas que proveñen do circo, do teatro, do ilusionismo e da música e que, arredor do concepto kamikaze, no sentido romántico do termo (un salto ao baleiro, un camiño suicida, camiñar pola corda frouxa...), ensamblan as súas experiencias e coñecementos individuais nunha montaxe innovadora e multidisciplinar.

Hernán Gené (premio Max 2005 ao mellor espectáculo de teatro por “Sobre Horacios e Curiacios”) conta para a interpretación de Kamikaze con Antón Coucheiro “Cou”, Borja Fernández, Manuel Lago, Alfonso Medina, Xabier Mera, Natalia Outeiro “Pajarito” e Pablo Reboleiro. Todos eles levan a cabo unha interpretación total, no sentido de que non só traballan como actores e actrices, xa que a súa intervención abrangue números de circo e tamén de música.

Outros nomes importantes para a materialización desta obra son Carlos Alonso e Sandra Costas na escenografía e vestiario, Marcos Carballido como auxiliar de dirección, Xosé Díaz na produción e Alfonso Castro como xefe técnico. Interviñeron ademais como adestradores David Loira (en danza aplicada ao circo) e Glen (para os números de acrobacia).

O NOVO CIRCO, DISCIPLINA ARTÃSTICA EMERXENTE

Desde finais do século XIX o circo tradicional entra nun proceso de decadencia que o levou ata practicamente a súa desaparición a mediados do século XX. Nos anos 70 nace en Europa o chamado Nouveau Cirque, unha tendencia que transformou o circo tradicional introducindo propostas máis teatrais e incorporando elementos doutras disciplinas como a danza, a escenografía, o cine, a publicidade e a música.

Esta visión máis moderna do circo concédelle un protagonismo absoluto ás persoas, así como ao contido e ao trasfondo artístico. Segue a usar moitas técnicas e métodos orixinarios do circo clásico, a fascinación ou a parada final, pero o seu maior atractivo reside na capacidade de cautivar a novos públicos de todas as idades, que non acoden habitualmente aos teatros, ademais do fomento do acceso á cultura e da súa alta adaptabilidade a espazos non convencionais.

O xénero posúe hoxe en día unha demanda demostrada por parte do público e unha ampla implantación en comunidades españolas como Euskadi e Catalunya; e en países europeos como Franza.

Kamikaze representarase no Salón Teatro até o 17 de xuño. As funcións do xoves, venres e sábado son as 20:30, en tanto que a do domingo comezará ás 18:00 horas. As entradas para asistir ao espectáculo poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e titulares do carné xoven. O domingo, día do espectador, 5 euros.

Gabinete de Comunicación do Igaem - Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2007-06-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES