Notas de prensa

Galicia e o Norte de Portugal aspiran a crear unha eficiente agrupación europea de cooperación territorial

O manifestou Gómez-Reino nunha mesa redonda de expertos sobre AECT celebrada en Bruxelas e promovida polo Comité das Rexións.

O secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, asegurou esta tarde en Bruxelas que Galicia e o Norte de Portugal aspiran a constituír unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) “ambiciosa” e “eficiente”. “Trátase de acadar unha cooperación que non se resigne a aplicar recursos financeiros comunitarios, senón a xerar a masa crítica necesaria para traballar nos ámbitos comercial, laboral, empresarial, científico e cultural”, manifestou.

Neste sentido, resaltou que foron as “dúas primeiras rexións europeas que teñen elaborado os Estatutos e o Convenio de AECT e presentado -a finais de novembro de 2006- a solicitude” ante as Administracións estatais correspondentes. Na súa opinión, a constitución da AECT Galicia-Norte de Portugal permitirá “cambiar non só o modelo de xestión dos proxectos, senón tamén o deseño dos mesmos, comunitarizándoos ao máximo” e “compensar, mediante o incremento da eficiencia, a reducción dos recursos económicos destinados á cooperación clásica”.

“A nosa eurorrexión –dixo- ten que prepararse para voar soa, sen a asistencia nin os vicios das vellas estruturas administrativas. Ten que ser capaz de detectar necesidades e xerar proxectos que ilusionen a todos os actores socioeconómicos da súa área de influencia para que contribúan á súa materialización cos propios recursos e capacidades”.

Mesa de expertos en AECT

Santiago Gómez-Reino fixo estas declaracións na súa intervención na mesa redonda de expertos sobre Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial organizada polo Comité das Rexións (CdR) para estudar o nacemento e futuro deste novo instrumento xurídico comunitario creado en 2006.

Xunto ao Secretario Xeral de Relacións Exteriores do Goberno galego interviñeron outros políticos rexionais que actualmente forman parte de iniciativas de cooperación territorial orientadas á creación dunha AECT: o presidente da rexión de Val D’Aosta (Italia), Luciano Caveri, presidente da Comunidade xermanófona de Bélxica, Karl-Heinz Labertz; o ministro para asuntos europeos da Rexión de Friuli-Venecia-Guiulia (Italia), Franco Iacop, e o Secretario Xeral da Asociación das Rexións Fronteirizas Europeas, Martín Guillermo.

As AECT: novo impulso para a cooperación territorial en Europa
Este seminario é un encontro político deseñado para analizar as perspectivas de implementación deste novo instrumento xurídico creado polo Regulamento 1082/2006 do Parlamento Europeo e do Consello en xullo de 2006, ao abeiro do cal diversas rexións de varios países europeos terán a oportunidade de converterse nunha entidade xurídica nova e desenvolver as súas accións sobre un territorio máis amplo e de ámbito transfronterizo.

Gómez-Reino amosouse confiado nas “enormes potencialidades” desta nova ferramenta e destacou a “importancia e interese” que ten para que as rexións europeas “podan traballar conxuntamente sen as limitacións e os obstáculos que teñen na actualidade”. Na súa opinión, as AECT van permitir “instrumentar, facilitar e afondar no desenvolvemento da cooperación territorial dentro da Unión” e contribuirán ao “desenvolvemento da cohesión económica e social”.

No entanto, advertiu que ningún Estado membro ten aprobado aínda as disposicións necesarias para a aplicación efectiva das AECT nos seus territorios –fixada para o 1 de agosto de este año-, o que provocaría que as rexións europeas queden “privadas, sen paliativos, do exercicio dos seus dereitos e dos instrumentos que lles teñen sido recoñecidos polo Parlamento Europeo e polo Consello, precisamente para facilitar e promover a cooperación territorial”.

Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Galicia conta cunha extensa e acreditada experiencia en cooperación territorial co Norte de Portugal, dende que en 1991 se asinou o acordo constitutivo da Comunidade de Traballo, ao abeiro do Convenio-Marco Europeo sobre cooperación transfronteiriza entre colectividades territoriais de 1980.

Para acadar unha “cooperación de segunda xeración”, en novembro de 2006 asináronse o convenio e os estatutos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, que permitirán dotar a esta colaboración de personalidade xurídica propia. Ese mesmo mes presentouse a solicitude de constitución ante os Gobernos de Madrid e Lisboa, posto que son os Estados membros os encargados de determinar as normas de desenvolvemento do regulamento 1082/2006.

Seminario en Baiona

Neste contexto, o 6 de xullo, Baiona acollerá o seminario A cooperación Territorial europea: as agrupacións europeas de cooperación territorial e as súas perspectivas de futuro, organizado polo Comité das Rexións (CdR) coa colaboración da Xunta de Galicia.

Este encontro, ao que asistirán especialistas en asuntos rexionais de gran parte de Europa, será inaugurado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Nel participarán tamén membros do Comité das Rexións, representantes doutras institucións comunitarias, de Estados membros da UE, rexións, entidades locais, así como especialistas do ámbito universitario interesados pola cooperación territorial.

Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, 2007-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES