Notas de prensa

Un 76'6% de alumnos de centros privados non contempla a posibilidade de cursar FP

Este dato contrasta co 44'5% dos estudantes de centros públicos que sí se plantexan seguir a formación profesional como alternativa ao bacharelato.

A Secretaría Xeral de Análise e Proxección en colaboración coa Consellería de Educación, organizou en Santiago de Compostela unha xornada sobre “A transformación da Educación en Galicia”.

A Conselleira de Educación e o Secretario Xeral de Análise e Proxección foron os encargados de inaugurar esta Xornada dedicada á análise da transformación da educación que se está a facer en Galicia.

Así, a Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria sinalou que “en Galicia estase producindo unha importante transformación, sobre todo en políticas sociais que implican á sanidade e á educación”. “Vivimos un momento especial, sobre todo pola política social que se marca desde Europa”, destacou Sánchez Piñón. No ámbito educativo, dixo, “reflíctese en varios grandes obxectivos, como o multilingüismo, a aprendizaxe ao longo da vida, as novas tecnoloxías e a cultura da avaliación”.

Na Comunidade galega, a conselleira de Educación indicou que estes cambios veñen da man do desenvolvemento da Lei Orgánica de Educación (LOE), “onde ten un papel importante o Estado das autonomías”, e no marco da cal Galicia elaborou os currículos de primaria e secundaria. Laura Sánchez Piñón destacou que estes deseños curriculares, xunto cos de infantil e bacharelato, “perseguen outro dos grandes obxectivos europeos, que é acadar o máximo número de estudantes que rematen a educación postobrigatoria”.

Ademais, a máxima responsable da Administración educativa autonómica fixo referencia aos avances na aprendizaxe de linguas, destacando o decreto de ensino en galego “apoiado por todas as forzas políticas con representación no Parlamento”, e o Plan de linguas da Consellería de Educación, “que se basea na formación do profesorado, o ensino temperán e a posibilidade de estudar no estranxeiro”.

Finalmente, Laura Sánchez Piñón sinalou que a educación en Galicia se ten transformado sobre todo pola mellora dos servizos complementarios, “co 100% das rutas que o precisan con acompañante escolar”; a extensión da gratuidade de libros de texto a toda a ensinanza obrigatoria; e unha política de recursos humanos fundamentada na equiparación salarial co resto das Comunidades Autónomas e nunha inxección de persoal docente no sistema, coa maior oferta pública de emprego para este ano.

Pola súa banda, o Secretario Xeral de Análise e Proxección indicou que é importante valorar con precisión as medidas e o nivel de satisfacción dos cidadáns, “de nada serve tomar medidas senón podemos avalialas e coñecer o grao de satisfacción ou insatisfacción que xeran na sociedade”.

Xosé Manuel Rivera Otero fixo referencia á renovada importancia da educación como instrumento na produción de igualdade e cohesión sociais nas sociedades do SXXI. Así, sinalou que cada unha das medidas tomadas pola Consellería de Educación cobran sentido como xeradoras de igualdade e cohesión social, p.ex: a gratuidade dos libros de texto, a figura do acompañante no transporte escolar, as estancias no estranxeiro de profesores e alumnos,...

O SX de Análise e Proxección indicou que ante as novas demandas impostas por unha sociedade globalizada, industrialmente mediatizada polo coñecemento e necesitada de novos modelos de construción de valores, a educación non pode renunciar a cubrir estes tres aspectos fundamentais, a fin de que as novas tecnoloxías e a globalización, non se comporten como xeradoras de desigualdade, “Galicia está a facer un esforzo fundamental no seu sistema educativo para orientalo á futura cobertura destas necesidades, fundamentalmente en catro aspectos: a mellora e o desenvolvemento das infraestruturas educativas, a implantación de novos servizos “complementarios”, a mellora dos contidos curriculares, e a capacitación dos recursos humanos”.

O Secretario Xeral de Análise aproveitou ademais a xornada para presentar un estudo demoscópico que esta Secretaría encargou sobre a educación en Galicia. O estudo contou con 3.981 entrevistas que se fixeron a pais e profesores de tódolos niveis educativos, e á alumnos de Bacharelato e Universidade. Este estudo comprende tódolos niveis educativos, e estará dispoñible, así como os demais estudos feitos por esta Secretaría, a principios de xullo, data en que entrará en funcionamento a páxina web da mesma.

Xosé Manuel Rivera Otero destacou que o estudo reflexa que en infantil e primaria os pais son máis críticos co sistema que os profesores, pero en ESO e bacharelato/FP, a tendencia invértese. Así, cando se lle pide ós pais de nenos de infantil e primaria que comparen a situación da educación actual ca de fai uns anos, o 45.8% afirman que mellorou bastante, mentres que entre os profesores, o 40.3% fai esa mesma afirmación. Para a mesma pregunta, o 46% dos pais de alumnos da ESO, afirman que a educación mellorou bastante ou moito nos últimos anos, mentres que entre os profesores, son o 44% os que afirman que empeorou un pouco ou moito. Respecto do bacharelato e FP, o 40% dos pais opinan que a educación mellorou bastante ou moito, mentres que o 40,2% dos profesores pensan que empeorou un pouco ou moito.

Por outra banda, o Secretario Xeral afirmou que, respecto das reformas que se recollen na LOE, o 45,1% dos pais de alumnos de bacharelato pensan que son bastante ou moi adecuados, mentres que o 38.2% dos profesores opinan que son pouco ou nada adecuadas. Sen embargo, cando se lles pregunta por aspectos concretos do plan de estudos, tanto profesores como pais coinciden sendo xenerosos nas súas valoracións en tódolos niveis educativos. Así, en educación infantil e primaria, a porcentaxe de pais e profesores que están de acordo con algúns dos aspectos máis importantes do plan de estudos, supera na maioría dos casos ó 50%, aínda que os profesores seguen amosándose algo máis críticos. A valoración do plan de estudos da ESO é tamén boa, aínda que só un 32.8% dos profesores non están de acordo coa idea de que existe unha comunicación fluída entre pais e profesores. É na FP e o bacharelato, cando os pais e os profesores coinciden mais nas súas valoracións, sendo a combinación de contidos teórico-prácticos o que máis lles preocupa ós pais, e a comunicación fluída pais-profesores, a maior preocupación dos docentes.

Xosé Mauel Rivera Otero rematou a súa intervención explicando que a enquisa amosa que a vontade dos pais é o motivo fundamental da elección dun centro privado/concertado para os alumnos de bacharelato, e que un 76.6% dos alumnos de centros privados non contemplan a posibilidade de cursar estudos de FP, mentres que o 44.5% dos alumnos de centros públicos si que o fan.

Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Análise e Proxección da Xunta de Galicia, 2007-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES