Notas de prensa

Investiranse máis de 90 millóns de euros no centro de reparacións navais de Vigo

Touriño cualifica o proxecto de estratéxico para Galicia e moi importante para Vigo, posto que incrementará a capacidade para reparar buques na ría. Así o sinalou logo de reunirse coa directiva do centro, encabezada polo seu presidente, José García Costas.

O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, mantivo un encontro coa directiva do Centro de Reparacións Navais de Vigo, encabezada polo seu presidente, José García Costas, na que coñeceu, de primeira man, “o estado real da posta en marcha” deste centro, no que participan 55 empresas e que investirá máis de 90 millóns de euros. Durante a xuntanza, na que tamén participou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, o máximo mandatario autonómico comprometeu o apoio do Goberno que preside a esta iniciativa, que cualificou como “un proxecto importante, positivo, de alto valor e interese”.

Trátase dunha aposta empresarial, “de progreso e innovación”, sinalou Pérez Touriño, remarcando que a Xunta dedicará “o que queda do mes de xuño a partir de hoxe mesmo, á análise que nos debe permitir, finalmente, determinar a posición de participación tanto desde XesGalicia como desde o propio Igape”. Por iso, engadiu, “comprometemos desde a Xunta de Galicia o noso apoio”, porque “estamos ante unha operación de alto valor, de extraordinario interese e a fin de mes pecharemos as condicións que fagan posible esta operación”.

“Manifesteille ao presidente a disposición da Xunta de Galicia para axudar, para comprometerse, para acompañar este proxecto que estimo de alto interese, estratéxico para Galicia e moi importante para a Ría de Vigo e para Vigo”, concluíu Touriño a este respecto.

Pola súa banda, o presidente do Centro de Reparacións Navais, José García Costas, agradeceulle ao xefe do Executivo galego a súa implicación e apoio ao Centro de Reparacións Navais, cuxo proxecto se empezou a xestar desde ASIME, a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia. Segundo explicou José García Costas, unha vez constituída a sociedade e ao comprobar que non existían superficies accesibles na propia ría, iniciouse unha negociación con Metalships, que conta con dous diques e unha capacidade para barcos de ata 1.500 toneladas, a maior instalada na ría de Vigo.

“Presentámonos a día de hoxe cun acordo asinado con Metalships, cunha negociación en marcha para traer un dique que nos permita varar barcos de ata 360 metros co cal o salto será importante en canto a tamaño de buques a reparar na ría de Vigo”, engadiu o presidente da directiva do Centro de Reparacións Navais.

“A nosa intención é que a final de mes sexamos capaces de ter esta operación finalizada”, remarcou, engadindo que esperan ser capaces de completar a compra das instalacións de Metalships “de aquí a finais de mes” para que o Centro de Reparacións Navais poida empezar a funcionar “inmediatamente”.

José García Costas cualificou o proxecto de “importante, tanto cuantitativamente como cualitativamente” e asegurou que só coa “decidida axuda” da Xunta de Galicia “podiamos materializalo”.

Centro complementario ao de Ferrol

Tanto o titular do Goberno galego como o propio presidente do Centro de Reparacións Navais coincidiron en subliñar que este centro non será competencia para o de Ferrol, senón que será complementario. “O tamaño dos diques secos de Ferrol é para nós nestes momentos inalcanzable”, indicou José García Costas, sinalando que non pretenden chegar a ese tamaño de buques e que a iniciativa non afecta “en ningún momento ao proxecto de Ferrol, senón que máis ben se complementa”.

Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño ratificou as palabras de José García Costas e lembrou que ambos proxectos son “complementarios e non competitivos”, dado “o tipo de buques e o tamaño das reparacións á que están destinados”.

Boa perspectiva económica co descenso do número de desempregados
Por último, o presidente da Xunta referiuse a que o sector naval está tendo un “momento doce e positivo”, xa que está a medrar o transporte marítimo e tamén a construción naval. Emilio Pérez Touriño enmarcou este escenario no contexto positivo que está a vivir a economía galega, posto de manifesto por exemplo, nos datos do paro que indican, “que unha vez máis Galicia segue estando nunha posición positiva”.

Pérez Touriño insistiu que os datos de paro do mes de maio coñecidos hoxe indican que Galicia é a comunidade onde máis descende o número de desempregados tanto en termos mensuais como en termos interanuais. “O paro rexistrado en maio en Galicia reduciuse en 7.270 persoas”, engadiu remarcando tamén o incremento da contratación indefinida e o feito que a redución de paro se teña rexistrado en maior medida entre o colectivo de mulleres e de xente nova.

“De cada 10 parados menos en España, 5 son de Galicia, son galegos e galegas que deixan de estar en paro”, insistiu Touriño indicando que o que máis lle alegra é que esta redución se concentra “entre a xente moza e as mulleres que son ás que á súa vez padecían a maior alta taxa de paro”.

Polo tanto, explicou, existe unha mellora na estabilidade, unha redución de paro de xeito destacado que vai unido á unha evolución da economía que “segue sendo positiva”. Os indicadores xerais da marcha da economía neste primeiro cuadrimestre de 2007, aseverou Touriño, “están a confirmar a boa marcha da economía”: tanto no liderazgo da produción industrial en España coma no ritmo das exportacións “os datos seguen a ser positivos”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-06-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES