A Secretaría Xeral de Emigración, coa fin de promover a participación da colectividade galega residente no exterior na vida cultural e social do país, vén de convocar no DOG a orde pola que se regulan os programas das viaxes a Galicia que permitirán aos galegos residente no exterior o contacto coa súa familia e coa súa terra. Os programas convocados son Volver á terra, Volver á casa, e Viaxes de lecer.
O primeiro deles está dirixido a facilitar o reencontro a aqueles emigrantes galegos residentes en Iberoamérica que non tivesen participado en programas de viaxe da Secretaría Xeral de Emigración nos últimos 15 anos. Na execución deste programa contarase coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Os beneficiarios estarán durante un período máximo de 14 días no mes de novembro, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia, programándose actividades e excursións que favorezan o reencontro coa súa terra. Rematada esta estadía, poderán permanecer cos seus familiares en Galicia, ata completar un período máximo de 3 meses, sendo pola súa conta durante este tempo os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro gasto derivado da súa estadía. O número de prazas asignadas a este programa é de 131.
O programa Volver á casa permite conceder viaxes a Galicia a custo reducido a emigrantes galegos e aos seus fillos todos eles maiores de cincuenta e cinco anos e residentes en Iberoamérica. Asemade poderán ser beneficiarios ás persoas unidas a eles por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. O programa desenvolverase preferentemente no mes de setembro. Esta modalidade de viaxe contempla que participen ata 336 beneficiarios.
En terceiro lugar, o programa Viaxes de lecer, ten por obxecto ofrecer un tempo de lecer aos emigrantes galegos residentes en Europa e aos naturais de Galicia asentados noutras comunidades autónomas de España, para gozaren e coñeceren a realidade actual de Galicia, con actividades de convivencia e culturais referidas á nosa lingua, historia, así como os nosos costumes tradicionais. Poderán ser beneficiarios as persoas unidas a eles por matrimonio, unión de feito ou relación análoga. Os beneficiarios gozarán dunha estadía máxima de 14 días no mes de novembro nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia xestionado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. O número de prazas convocadas neste programa é de 136.
O crédito inicialmente destinado para subvencionar estes programas é de 350.000 euros, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias. A dita contía distribuirase da maneira que segue. Programa Volver á terra: 154.000 euros.
Programa Volver á casa: 171.000 euros. Programa Viaxes de lecer: 25.000 euros. O crédito asignado inicialmente a cada programa poderá ser redistribuído internamente entre os distintos programas en función das solicitudes de axuda presentadas e concedidas.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.