
Comisións Obreiras (CCOO) ven de gañar de novo as eleccións á xunta de persoal de funcionarios da Deputación de Pontevedra. Dos 15 delegados posibles, o sindicato logrou 12 (anteriormente contaba con 9), un "éxito histórico", segundo informan integrantes da candidatura de CCOO.
Ademais desta vitoria rotunda (é a terceira ocasión na que CCOO gaña por maioría absoluta), representantes do sindicato na Deputación salientan "o altísimo grao de participación", próximo do 90%, o que lle dá maior validez a este resultado.
Desde a candidatura de CCOO consideran que este éxito se explica polo traballo realizado nos últimos anos, pola práctica «dun modelo sindical eficiente e efectivo» que «deu respostas para as necesidades reais dos traballadores e traballadoras».
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.