Notas de prensa

Innovación convoca axudas á investigación por algo máis de 5 millóns de euros

A convocatoria está destinada principalmente á elaboración de propostas para o VII Programa Cadro e a proxectos de investigación básica. O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de xuño.

A Consellaría de Innovación e Industria vén de convocar a través do Diario de Oficial de Galicia as axudas para a Promoción Xeral de Investigación (PXI) correspondentes ao ano 2007, cun crédito total de 5,42 millóns de euros, cofinanciados nalgunhas aplicacións con fondos FEDER e FCI. O obxectivo desta convocatoria é identificar e investir na investigación básica de excelencia e propiciar unha actividade investigadora de calidade e con capacidade para competir no ámbito internacional, ademais de incentivar a mobilidade do persoal investigador e promover o intercambio científico.

A convocatoria articúlase en catro modalidades de axudas: para a elaboración de propostas para o VII Programa Cadro, para proxectos de investigación básica, para a organización e asistencia a congresos e reunións científicas por parte de persoal investigador non vencellado ao Sistema Universitario de Galicia (SUG).

A primeira destas modalidades está destinada á elaboración de propostas para o VII Programa Cadro (VII PC) co obxectivo de aumentar a competitividade dos equipos de investigación do sistema público de investigación a través da súa presenza no principal instrumento da UE para financiar a investigación durante o período 2007-2013. O persoal investigador que presente propostas de proxectos ás convocatorias do VII PC en 2007 poderán obter axudas de até 12.000 euros se o solicitante lidera a proposta e 6.000 euros se é socio. Os conceptos subvencionables son: gastos de persoal temporal, mobilidade e asesoramento puntual de expertos.

A segunda e principal modalidade de axudas é para proxectos de investigación básica, destinada a promover o desenvolvemento de proxectos que procuren a excelencia na xeración do coñecemento. Inclúense tanto proxectos de investigación de calquera campo do saber que supoñan un avance no coñecemento científico como proxectos coordinados, que requiren para o seu correcto desenvolvemento a coordinación de dous ou máis subproxectos. Os beneficiarios son os equipos de investigación do sistema público de investigación galego, sendo preciso que o responsable do proxecto sexa doutor. A contía máxima é de 120.000 euros por proxecto ou subproxecto para un período máximo de tres anos. Nesta modalidade os conceptos subvencionables son: gastos de persoal, material inventariable e funxible, desprazamento, custos indirectos, estadías, entre outros.

Para completar estas axudas, ábrense dúas liñas de apoio ao persoal investigador non vencellado ao SUG destinadas á organización de congresos e reunións científicas e á asistencia a este tipo de eventos. Os obxectivos destas axudas son, respectivamente, axudar aos órganos individuais ou colectivos dos centros públicos de investigación a sufragar os gastos de organización de congresos e reunións e favorecer a participación do persoal investigador en reunións de carácter científico co fin de fomentar o intercambio de coñecementos e a colaboración entre grupos de investigación.

As axudas para a organización de eventos está destinada a congresos avalados por unha sociedade científica internacional ou nacional e a outros congresos e reunións científicas con relatores alleos aos centros de investigación radicados en Galiza. As solicitudes serán presentadas polo responsable do comité organizador do evento, que deberá ser un órgano individual ou colectivo vencellado a un centro público de investigación. As contías máximas das axudas oscilan entre os 1.250 e os 6.000 euros, segundo a modalidade.

Pola súa banda, as axudas para a asistencia a congresos e reunións científicas ofrecen bolsas para asistencia a congresos, simposios, seminarios e cursos. O persoal investigador vinculado a centros públicos de investigación que se beneficie destas axudas recibirán subvencións que van desde os 360 euros brutos para congresos e reunións en territorio nacional e Portugal até os 1.100 euros brutos para congresos e reunións noutros países.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes: até o 24 de xuño. Os formularios están dispoñibles nos enderezos electrónicos http://www.conselleriaiei.org/dxidi/ e http://www.xunta.es/cumprimentacion-electronica e deberán presentarse acompañados da documentación establecida en cada caso.

Máis información: http://www.conselleriaiei.org/dxidi/ - info.pxi@xunta.es -
Telf: 981 541 088

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-05-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES