A Consellaría de Innovación e Industria destinará 162.000 euros ao financiamento de diversas accións de promoción turística que se van desenvolver no marco dun convenio de colaboración que o departamento autonómico subscribirá coa Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (CEHOSGA).
O orzamento total previsto para o proxecto de actuacións ascende a 270.000 euros e nel inclúese a edición de oito números da publicación Hostelería-Cehosga (cunha tirada por número de 20.000 exemplares que serán distribuídos por toda Galiza e a sectores relacionados co gremio no conxunto do Estado), e a organización da Gala de Hostalería, onde se premia aos profesionais do sector polos seus méritos durante a súa traxectoria.
De igual xeito, en virtude do convenio que autorizará o Consello da Xunta o próximo xoves, dotarase de medios persoais ao punto de información turística situado no local social de CEHOSGA, na compostelana rúa San Lázaro, no Camiño Francés, e procederase á instalación e mantemento de vallas publicitarias da campaña Visitar Galicia en Valença do Miño (Portugal), Benavente (Zamora) e Ávila. Por último, o acordo entre Consellaría e CEHOSGA posibilitará a publicación dunha guía de información turística en inglés (20.000 exemplares), francés (15.000 exemplares) e alemán (10.000 exemplares).
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.