
As organizacións que constitúen a Plataforma Sindical de Axentes
Forestais de Galicia (formada polos sindicatos CC.OO., CSI-CSIF e
UXT), e mais as organizacións CIG e a Asociación Profesional de
Axentes Forestais de Galicia (APRAFOGA), reuníronse en Santiago nunha rolda de prensa para denunciara falta de diálogo manifestada polas Consellarías do Medio Rural e de Medio Ambiente en relación con este corpo de profesionais.
A principal queixa do colectivo está en que non foron chamados a
participar na mesa de seguimento dos acordos asinados no 2004, e iso a pesar dos reiterados contactos realizados polos sindicatos, que non obtiveron ningunha resposta.
O silencio administrativo da Xunta atribúeno a que o Executivo
autonómico compuxo a súa xestión mediambiental á medida dos dous partidos que gobernan (PSOE e BNG), sendo que os axentes forestais quedan asignados ben á Consellería de Medio Ambiente, ben á do Medio Rural, pero cunha relación nula entre ambos departamentos, o que prexudica o labor dos profesionais.
Ademais desta falta de diálogo e silencio administrativo, os axentes forestais galegos tamén denunciaron a falta de medios coa que traballan. Segundo sinalaron, desde que se creou o corpo en 1984, continúan sendo os mesmos 550 efectivos, mentres que o número de incendios e de áreas protexidas se incrementou.
Aviso de folga
Outra crítica dos axentes é que a Xunta se dedique a inventar
fórmulas distintas cuxas consecuencias xa se verán, entre elas a inclusión de membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado ou de voluntarios. Sobre os segundos, os axentes aclaran que a presenza dos voluntarios non deixa de ser boa, pero inciden en que non están formados para estas tarefas, e quéixanse tamén de que teñan acceso a equipamento e medios (prismáticos, vehículos ou uniformes) que reiteradamente lles son negados a este grupo de profesionais.
Diante desta situación, o vindeiro 24 de maio reuniranse en Silleda representantes deste corpo para decidir se convocan unha folga.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.