A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de aprobar unha orde pola que se regula a captura e desembarque de determinadas especies peláxicas, concretamente sardiña, parrocha e xurelo, para a campaña 2007. Con esta normativa, o departamento que dirixe Carmen Gallego trata de regular o esforzo pesqueiro, garantir a sustentabilidade e a xestión das poboacións e mellorar a comercialización mantendo os prezos e os ingresos dos pescadores.
Deste xeito, a Orde do 30 de abril de 2007, publicada no Diario
Oficial de Galicia (DOG), ten por obxecto regular as capturas e os desembarques de determinadas especies de pequenos peláxicos dos buques cerqueiros que descargan nos portos de Galicia. Nesta dirección, establécense topes máximos diarios, aínda que respectando sempre os totais admisibles de captura (TAC) e as cuotas establecidas pola Unión Europea.
Esta Orde foi consensuada co sector pesqueiro, coas Comunidades Autónomas do Cantábrico e coa Secretaría General de Pesca Marítima que publicará unha Orden Ministerial nos mesmos términos. Así, para a sardiña determínase un máximo de 7.000 quilos por buque e xornada de pesca. Este tope será de 6.000 quilos no caso do xurelo e de 2.000 quilos para a parrocha. Cabe sinalar a evolución no volume de descargas permitido para a parrocha, xa que na anterior orde situábase en 500 quilos, o que revela unha melloría no stock deste recurso. Así mesmo, a pesca de mestura non poderá exceder os 10.000 quilos por barco e xornada de pesca, entendéndose por mestura cando a especie maioritaria non supera o 80% do total.
En caso de que as capturas obtidas superen as cantidades sinaladas, a cesión dos excedentes a outras embarcacións poderá facerse unicamente cando se leve a cabo no mar, fóra do porto, quedando prohibido o transbordo noutras condicións. Por outra banda, establécese como horario de pesca dende as 12 horas do luns ata as 16 horas do venres, entendéndose como de saída e entrada no porto.
Ademais, a Orde publicada no DOG establece que os portos autorizados para a descarga de especies peláxicas son Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao e Celeiro, en Lugo; Cariño, Sada, A Coruña, Malpica de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Portosín, Aguiño e Ribeira, na provincia coruñesa; e Cambados, Portonovo, Marín, Bueu e Vigo, en Pontevedra. Aínda así, se os lotes vendidos por telefonía se queren descargar nun porto distinto ao da venda, a entidade concesionaria da lonxa ou a responsable do centro de venda estará obrigada a comunicalo á Sala de Operacións da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia. Neste caso, a descarga non poderá realizarse ata dúas horas despois de ser tramitada esta comunicación.
Por outra banda, os buques poderán empregar, con carácer circunstancial, para as súas actividades pesqueiras portos diferentes ao seu porto base, pero atendendo a distintas limitacións: o cumprimento da normativa específica do porto, o respecto ás costumes dos pescadores locais e a capacidade de atracada e subministro dos servizos básicos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.