Notas de prensa

O conselleiro de Economía destaca que as exportacións galegas medraron un 15'6% nos dous primeiros meses de 2007

Clausurou a xornada sobre China organizada pola CEG onde subliñou que a internacionalización das empresas é un dos eixes estratéxicos da política económica do Goberno galego.

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, avanzou que os datos de comercio exterior galego dos dous primeiros meses do ano amosan o mantemento do positivo ritmo de crecemento das exportacións galegas que cun aumento do 15,6%.

Así, o comercio exterior galego mantén o dinamismo co que pechou o ano anterior, no que liderou o crecemento español das exportacións. “O dinamismo exportador galego é unha boa noticia para a economía galega na medida en que reflicte a crecente internacionalización da economía galega e, polo tanto, a súa competitividade”, explicou o conselleiro. No transcurso da clausura da xornada sobre China organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago, Fernández Antonio lembrou que na política económica do Goberno galego, a internacionalización das empresas é un dos factores estratéxicos para a consolidación e aceleración do ritmo de crecemento económico por riba da media española e europea. “Galicia xa é unha economía, en termos relativos, máis internacionalizada que a española”, afirmou o conselleiro, que salientou que Galicia aporta o 8,4% das exportacións estatais fronte a un peso no PIB español do 5,3%.

Na súa intervención, Fernández Antonio animou ás empresas galegas a abordar a saída ao exterior “dende estratexias de planificación a medio e longo prazo” que, no caso das pemes, poden iniciarse a partir de procesos de cooperación que permitan economías de escala. “A colaboración é unha boa aliada no camiño cara ao exterior”, afirmou o conselleiro tras apuntar fórmulas como as plataformas de cooperación, as iniciativas colectivas sectoriais, ou as alianzas interempresariais. Como presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernández Antonio lembrou dentro da estratexia desenvolvida pola consellería a potenciación da área de comercio exterior do Instituto, a entrada no consello de administración e a participación nos Comités de Internacionalización do ICEX, ou os acordos e convenios suscritos con entidades como Cofides e a sociedade INTERES. “A colaboración entre administracións tamén é fundamental, e Galicia está xa na primeira liña das iniciativas de apoio á internacionalización empresarial”, explicou o conselleiro. No caso de China, Fernández Antonio lembrou a recente sinatura –o pasado xaneiro- dun convenio co ICEX no marco do Plan China, para a promoción durante os próximos tres anos de produtos da industria alimentaria galega en dito mercado.

Centro de Promoción de Negocios en Shanghai

Precisamente a industria alimentaria galega, en particular a dos viños e produtos de calidade, é unha das máis interesadas e con máis posibilidades no mercado chinés. O Centro de Promoción de Negocios (CPN) que o Igape ten na cidade de Shanghai así o ven percibindo polo interese das empresas galegas en coñecer o mercado asiático tanto no aspecto informativo como no de participación en feiras como a celebrada a semana pasada –a Feira SIAL- na que participaron firmas como a conserveira Calvo, a Cooperativa Vitivinícola Arosana, a compañía ourensana Marrón Glacé ou a lucense Ingapán. Durante 2006, o CPN atendeu a 120 empresas interesadas no mercado chinés, das que 36 eran do sector vinícola e alimentario. Máis recentemente, no Punto de Encontro cos CPNs celebrado en Santiago o pasado mes, 59 empresas galegas demandaron información e asesoramento sobre China aos responsables do Igape.

Xunto co atractivo comercial do mercado chinés, o conselleiro tamén aludiu ao posible interese do país asiático en terreos como o aprovisionamento de produtos ou a implantación produtiva. “A internacionalización das empresas en sentido amplo tamén inclúe opcións de implantación no exterior que poden supoñer o crecemento e consolidación das empresas tanto dentro como fóra de Galicia”, explicou o conselleiro. Neste sentido, lembrou que empresas como Eurolatón, Cablerías Conductoras, Koala, ou firmas do téxtil ou a electrónica, están a explorar o mercado chinés con bos resultados e perspectivas cara á consolidación das firmas e o seu crecemento.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, 2007-05-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES