Notas de prensa

A Feira do Libro de Santiago acolle a presentación de Os hemisferios

A obra, de María do Cebreiro, utiliza o diálogo para presentar a poesía dun xeito diferente.

Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia, e Manuel Outeriño, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, acompañan á autora, María do Cebreiro, na presentación do seu último poemario: Os hemisferios.

Velaquí un libro concibido como un diálogo a través do cal María do Cebreiro nos propón un xeito diferente de abordar a poesía. Os hemisferios publícase na colección Dombate, que continúa a incorporar as poetas e os poetas das últimas xeracións ao catálogo de Editorial Galaxia.

Achegarse á poesía a través da conversa é, para María do Cebreiro, unha maneira de deixar a porta aberta e permitir que a lectora ou o lector entre directamente, sen convite, no poema. Os
hemisferios parte da idea de que o texto, e con el o libro, se debe relacionar directamente co que hai fora del. As árbores e os planetas, a terra e o ceo forman ese acubillo no que se gorecen as voces que falan entre elas e lle falan a quen le. Para a poeta, a escritura é coma un troco, un intercambio que a lectura fai real, palpable e sonoro.

Unha das poetas máis sorprendentes da actual literatura galega, María do Cebreiro afirma neste libro que comeza a escribir “cando o leite está a punto de ferver” para, despois, esperar ata o último momento porque “o que máis me impresiona é que rompa en silencio”. Os hemisferios é un libro no que se constata que a comunicación é anónima pero a conversa é persoal; é un libro no que non hai nada que explicar, nada que interpretar, nada que comprender. Unha especie de conexión eléctrica que provoca outro xeito de ler e relaciona directamente o texto coas outras correntes da vida.


María do Cebreiro (Compostela, 1976) é escritora, crítica literaria e investigadora. Obtivo o Premio de Investigación Dámaso Alonso coa obra As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña. Representación poética e ficción lóxica (2004). É autora dos libros de poemas O estadio do espello (1998) e (Nós, as inadaptadas) (2002), accésit do Premio Esquío. Co poemario Non queres que o poema te coñeza (2004) recibiu o Premio Caixanova e, o mesmo ano, publicou O barrio das chinesas e o libro de ensaios As terceiras mulleres. Foi coordinadora das antoloxías A poesía é o gran milagre do mundo (2001) e Damas Negras (2002).

Paula García Márquez (Comunicación Editorial Galaxia), 2007-05-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES