Notas de prensa

Presentada a campaña da Mesa pola Normalización Lingüística para o 17 de maio

Temos lingua propia, queremos vivir nela é o lema central das accións en torno ao Día das Letras Galegas.

“Temos lingua propia, queremos vivir nela” é o lema dos diferentes actos que A Mesa pola Normalización Lingüística desenvolverá por todo o país con motivo da celebración do Día das Letras. O presidente da asociación en defensa da lingua, Carlos Callón, e Francisco Xosé Rei, membro da directiva e responsábel de Zonas, presentaron en conferencia de imprensa o manifesto elaborado para a conmemoración do 17 de maio, que a cidadanía pode apoiar na páxina web da Mesa (www.amesanl.org) e que está centrado en tres ámbitos de uso da lingua: o ensino, os medios de comunicación e a administración.

Tanto Rei como Callón fixeron fincapé nas súas intervencións na proliferación de discursos sobre o galego baseados na “propaganda vacua”. Neste sentido, o presidente da Mesa sinalou: “O movemento demóstrase andando, non con declaracións de amor retóricas”, fronte ás cales a asociación presenta unha campaña “que pretende activar a consciencia lingüística e construír espazos de uso para o idioma”.

Carlos Callón exixiulle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que “aproveite o Día das Letras para que comece a funcionar a Secretaría Xeral de Política Lingüística”, departamento dependente da Presidencia da Xunta, e manifestou o seu desexo de que “sexa o Goberno galego o que dirixa o proceso de normalización”.

Precisamente o lema da campaña presentada pola Mesa recorda que, aínda hoxe en día, “non está garantido o dereito de vivir en galego con normalidade”, co que “a cooficialidade do galego fica en auga de borrallas”. Por iso, o manifesto céntrase nos tres piares dun proceso de normalización lingüística antes sinalados: ensino, administración e medios de comunicación.

No ensino, o obxectivo é que o novo decreto de galeguización sexa cumprido integramente no próximo curso. No tocante á administración, faise un chamamento para que as corporacións locais que saian das eleccións cumpran o Plan Xeral de Normalización. Precisamente para isto, estanse a celebrar reunións cos candidatos dos distintos partidos nas principais cidades e vilas, e para hoxe están previstos encontros cos candidatos á alcaldía de Santiago do BNG, Néstor Rego, e o do PP, Xerardo Conde Roa. Tamén se pide que a páxina web da Axencia Tributaria dispoña de documentación en galego, xa que, como recordou Carlos Callón, “tan só a interface está na nosa lingua, o resto esta só en español e en catalán, un idioma que de momento non é cooficial en Galiza”.

En canto aos medios de comunicación, no manifesto faise un especial fincapé nos de titularidade pública, demandándolle novos pasos á Radio e á Televisión galega, e reclamando que Radio Nacional de España e Televisión Española teñan o mesmo uso do galego para Galiza que teñen do catalán para Cataluña. Reclámaselle tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística como á Secretaría Xeral de Comunicación, ambas con competencias na materia, que negocien con firmeza estes adiantos para a nosa lingua nos medios de comunicación.

Mobilización cidadá

Durante a Semana das Letras, A Mesa desenvolverá actos comarcais en todas as cidades e nas principais cabeceiras de comarca, así como nalgúns puntos da emigración, onde se dará lectura ao manifesto.

Francisco Rei, coordenador dos actos nas diferentes zonas, adiantou que na Coruña e Vigo se celebrarán os actos centrais o 16 de maio. Na cidade herculina será nun encontro diante do Obelisco, ás 19:30, mentres que en Vigo terá lugar ás oito da tarde diante do Marco, e tamén se realizará unha solta de libros. En Santiago, a cita será xa o día 17 na Praza do Toural, ás doce do mediodía. Lugo, Boiro, O Barco, Silleda, Allariz ou Monforte son outros puntos da xeografía galega nos que A Mesa desenvolverá actividades con motivo do Día das Letras.

Ciberactivismo

Toda a campaña estará dispoñíbel na web da Mesa, para poder asinar en liña o manifesto e consultar a listaxe de todos os actos organizados, que en moitos casos combinarán os aspectos reivindicativos con outros máis lúdicos.

Ademais, desde a páxina da Mesa estimúlase o ciberactivismo lingüístico, a través dunha campaña de envío de escritos protesta ao defensor do espectador de RTVE e do Defensor do Contribuínte da Axencia Tributaria.

A Mesa pola Normalización Lingüística, 2007-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES