
Os programas de apoio á promoción e internacionalización de empresas que está a por en marcha a Consellaría de Innovación e Industria inclúen este ano case dous millóns de euros para axudas a empresas, asociacións e entidades sen ánimo de lucro que realicen actuacións e estratexias de promoción e internacionalización.
A maior partida orzamentaria, 1.278.319 euros, está destinada a subvencións a pequenas e medianas empresas (PEMES). Son obxecto de axuda actuacións de difusión ou divulgación (material promocional e campañas publicitarias, entre outras, cuxa difusión estea prevista nos mercados internacionais) e de promoción (participación en eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que se celebren fóra de Galiza), emprendidas polas empresas galegas. Pódense acoller a estas axudas as empresas de carácter industrial con domicilio fiscal en Galiza, xa sexan persoas físicas ou xurídicas que reúnan a condición de Pequena e Mediana Empresa (PEME). A contía da subvención non poderá superar o 50% do investimento subvencionábel nin o importe máximo de 70.000 euros por beneficiario.
De igual xeito, están convocadas tamén as axudas para a realización de actuacións de promoción e internacionalización para aquelas empresas privadas galegas que superen o límite de PEME. Neste caso, a Consellaría ten orzada unha partida de 200.000 euros, a través da que se subvencionarán actuacións de difusión (campañas publicitarias en medios estranxeiros, elaboración de material promocional) e de promoción (participacións en feiras e outros eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que se celebren no ámbito internacional). Ao igual que no caso das PEMES, nesta orde a contía de subvención terá un límite do 50% do investimento subvencionábel e o importe máximo será tamén de 70.000 euros por beneficiario.
Por último, Innovación e Industria tamén convoca axudas á internacionalización para entidades sen ánimo de lucro que agrupen empresas dun determinado sector industrial. As actuacións obxecto de subvención son as de difusión (campañas en medios de comunicación estranxeiros, material promocional), de promoción (participación en eventos expositivos sectoriais de carácter profesional fóra do ámbito galego), e de formación (cursos, seminarios e xornadas para a mellora da competitividade internacional dos sectores, empresas e produtos). A Consellaría destina a estas últimas axudas 300.000 euros. Neste caso, a contía máxima poderá chegar ata o 70% do investimento subvencionábel, aínda que o importe máximo da axuda por entidade beneficiaria segue sendo de 70.000 euros.
Implantación e certificación de modelos de xestión
Innovación e Industria mantén aberta a convocatoria, ademais, para as pequenas e medianas empresas que desenvolvan actuacións en materia de xestión empresarial e implantación e certificación de modelos de xestión das empresas galegas. O fin desta liña de axudas, ás que se destina un crédito de 800.000 euros, é para a Consellaría dirixida por Fernando Blanco promover o desenvolvemento de plans de mellora a través da utilización de ferramentas de xestión. As actuacións subvencionábeis son a implantación e desenvolvemento de sistemas de xestión, a certificación dos sistemas de xestión implantados, o desenvolvemento de memorias de sustentabilidade en materia de RSE e posterior certificación e a implantación e certificación das metodoloxías de desenvolvemento de software.
Responsabilidade social empresarial
Asociacións e entidades sen ánimo de lucro poden concorrer ás axudas de Innovación e Industria para a realización de actuacións sectoriais de sensibilización e difusión en materia de responsabilidade social empresarial (RSE) da industria galega. O obxectivo destas subvencións son a sensibilización sobre a cultura de xestión ética e socialmente responsábel. Son obxecto de subvención actuacións de difusión e sensibilización como concretos, xornadas, cumios, foros, páxinas web e boletíns electrónicos, entre outras; actuacións de desenvolvemento de proxectos de cooperación en materia de RSE; e actuacións de desenvolvemento de ferramentas para a xestión da RSE, como cuestionarios de autoavaliación, identificación de valores e identidade da empresa, redacción de códigos éticos, modelos de cadros de mando integral, sistemas de indicadores de avaliación e seguimento en RSE e guías para redactar memorias de sustentabilidade. O crédito destinado a estas axudas é de 200.000 euros.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.