Notas de prensa

Vicepresidencia lanza a campaña informativa sobre a Lei de Dependencia

O lema In-dependencia simboliza o obxectivo primordial desta norma que é aumentar a autonomía persoal.

O vicepresidente de Xunta, Anxo Quintana, sinalou en Santiago que o Sistema Galego de Atención á Dependencia ten que ser un sistema “próximo, accesible, transparente e eficiente” que ten que cubrir, debidamente, as necesidades de todos os dependentes que hai en Galiza e as dos seus coidadores. Segundo sinalou o vicepresidente, o sistema de atención á dependencia ha de ser transparente porque debe darlle á xente á máxima información e coa mellor calidade posible. Ten que ser próximo e accesible porque debe facilitar aos cidadáns o acceso a esa información, e eficiente, de xeito que as prestacións, servizos e orzamentos previstos cubran verdadeiramente as necesidades e demandas da xente este país e a lei cumpra de maneira efectiva os obxectivos para os que foi elaborada. Para isto, sinalou Quintana, é preciso manter unha actitude de cooperación intelixente co Estado. Nesta liña, o vicepresidente explicou que co lema “In-dependencia” quérese resaltar o obxectivo desta campaña, que é o de proporcionar toda a información posible sobre a dependencia e introducir así ás persoas nun sistema no que poder coñecer os seus dereitos e servizos. Ao mesmo tempo o lema simboliza o espírito do Sistema Galego de Atención á Dependencia: un sistema que ten como obxectivo aumentar a independencia das persoas, a súa autonomía, para moverse, para facer cousas e tamén para decidir.

Quintana, acompañado por altos cargos da Vicepresidencia, presentou esta mañá o dispositivo de información e asesoramento sobre a Lei de dependencia, que vai por en marcha a Vicepresidencia a partir do luns 7 de maio. Un despregue necesario, sinalou o vicepresidente, para atender as dúbidas dos cidadáns sobre os requistos, procedementos ou aplicación da Lei de dependencia e para garantir unha implementación efectiva dun sistema tan importante e transcendente para un grupo moi importante de cidadáns. O vicepresidente lembrou que en Galiza hai máis de 86.000 persoas dependentes, das que 16.000 son grandes dependentes. Estes serán precisamente os primeiros beneficiarios da Lei de dependencia.

Dispositivo de asesoramento

O dispositivo que entrará en funcionamento o 7 de maio, consta de tres elementos básicos: o dispositivo de información móbil, a rede estable de asesoramento e de recollida de solicitudes e os equipos de valoración.

O dispositivo de información móbil, estará integrado por catro autobuses itinerantes que percorrerán toda a xeografía galega, ofrecendo información pormenorizada sobre a Lei de Dependencia, os servizos e prestacións que prevé, os beneficiarios, os graos e niveis de dependencia, os procedementos así como sobre todas aquelas cuestións que se vaian establecendo no seo do Consello territorial, xa que aínda hai detalles do desenvolvemento da lei que están en proceso de negociación entre o Ministerio e as Comunidades Autónomas. Nos autobuses tamén se facilitarán os impresos para facer a solicitude de valoración da dependencia, aínda que a súa entrega debe facerse non no autobús, senón nos lugares habilitados ao efecto.

Os autobuses empezarán o seu percorrido pola xeografía galega o luns día 7 de maio na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, onde permanecerán durante toda a xornada. Despois iranse desprazando por outras localidades ata achegarse a todas as comarcas de Galiza. O autobús permanecerá durante un día en cada concello galego.

A rede estable de asesoramento e recollida das solicitudes de valoración xurde, explicou Quintana, co obxectivo de facilitar ao máximo tanto o acceso á información por parte dos dependentes, como a presentación das solicitudes de valoración. Está constituída por 81 centros, repartidos por toda a xeografía galega, fundamentalmente de titularidade propia, como son as delegacións provinciais, centros sociais, residencias e fogares de maiores ou casas da xuventude. Nestes puntos haberá 104 profesionais contratados ao efecto. Son traballadores sociais, terapeutas ocupacionais e auxiliares administrativos, con formación específica sobre esta materia para poder responder a todas as preguntas dos usuarios sobre esta lei. Nestes puntos poderán entregarse as solicitudes de valoración, que xa están dispoñibles na páxina web http://www.benestargaliza.org/.

Segundo Quintana, este deseño da rede é fundamental para facilitarlle os trámites ás persoas dependentes que, en moitos casos, teñen dificultades físicas para desprazarse ou mesmo económicas. Esta rede beneficia tamén aos seus representantes ofrecéndolles servizos máis próximos, xa que, segundo o vicepresidente, “son moitas veces as mesmas persoas que se encargan do seu coidado e apenas dispoñen de tempo para desprazarse”.

Os equipos de valoración encargaranse de avaliar o grado de dependencia e estarán situados nas grandes cidades. Este dispositivo está preparado dende o mes de xaneiro formado por 54 profesionais entre médicos, psicólogos, traballadores sociais, terapeutas ocupacionais e administrativos. Estes medios reforzaranse coa contratación de entre 20 e 50 persoas máis, en función do ritmo de solicitudes de valoración que se presenten nestes primeiros meses.

A Vicepresidencia tamén pon en marcha o teléfono de atención gratuita 900 333 666, no que os cidadáns poderán consultar todas as súas dúbidas.

Gabinete de Comunica, 2007-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES