Notas de prensa

O encontro A Mocidade en Rede reúne en Santiago a técnicos e asociacións xuvenís de Galicia

O obxectivo desta iniciativa é reflexionar sobre a participación da xuventude e crear espazos de encontro para este colectivo.

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, inaugurou o encontro A Mocidade en Rede, unha xuntanza autonómica que se desenvolve en Santiago de Compostela. Con este encontro culmínanse as xuntanzas realizadas nas catro provincias durante os últimos meses e nas que traballou co obxectivo de fomentar a participación e o asociacionismo xuvenil. O encontro A Mocidade en Rede está aberto a membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude; escolas de tempo libre e grupos informais de mozos e mozas; técnicos de xuventude dos concellos e informadores xuvenís; e mozos e mozas voluntarios ou membros de organizacións en xeral.

Durante os dous días que se prolonga o encontro autonómico porase en común todo o traballo previo feito nos encontros provinciais, onde se xeraron multitude de reflexións, propostas e suxestións respecto da mocidade galega, e que seguen a debaterse no foro da web www.mocidadeenrede.com. Así, a Dirección Xeral de Xuventude pretende recoller as achegas do conxunto do tecido asociativo xuvenil, tanto sobre os métodos máis tradicionais de participación xuvenil como sobre os métodos informais, como son os grupos de música ou voluntariado. Deste xeito, as propostas analizaranse para poder incorporalas como unha achega conxunta no apartado de participación xuvenil da futura Lei de Xuventude, que se elaborará ao longo deste ano.

Santiago será o punto de encontro para a análise, o estudo e o debate sobre as políticas dirixidas á mocidade. Todas as asociacións e grupos de mozos e mozas que estean interesados en participar nesta xuntanza poderán facendo a través dun stand, no que expoñer as súas propostas e actividades; achegando material gráfico, folletos, audiovisuais para os participantes; ou realizando actividades, actuacións ou exhibicións dos aspectos que queiran dar a coñecer.

Programa

O encontro comeza coa presentación das conclusións dos catro encontros provincias e a continuación o experto en participación cidadá e asociacionismo Toni Puig desenvolverá a ponencia marco. A xornada remata coa visita á mostra e ás distintas actividades que se desenvolverán no marco da mesma. Para o sábado prevese unha mesa redonda sobre “Apoios á participación” para ás 10,00 horas na que toman parte responsables de recursos e políticas da xuventude da Comunidade Valenciana, de Cádiz e de Galiza. Para as 16,00 horas prevese outra mesa redonda que baixo o título “Áreas e ámbitos de traballo” xuntará a responsables dos programas de implicación social da mocidade, como son o proxecto Macrolimpadón, o proxecto Lar e o proxecto Leña Verde. Durante toda a xornada desenvolveranse diversas mesas de traballo cos asistentes ao encontro.

Reflexionar e participar

O obxectivo do encontro A Mocidade en Rede é reflexionar sobre a participación da xuventude e crear espazos de encontro nos que se permita aos diferentes actores dos procesos de participación coñecerse e recoñecerse. A Dirección Xeral de Xuventude trata ademais de dar resposta a unha demanda formulada nos últimos tempos desde as distintas entidades, que se amosaban interesadas en crear un espazo común de análise e intercambio sobre a situación dos mozos e mozas na actualidade. A Mocidade en Rede enmárcase no conxunto de actuacións programadas pola Dirección Xeral da Xuventude da Vicepresidencia da Xunta para fomentar a actividade xuvenil e a participación da mocidade galega nos diversos eidos da vida política, económica, social e cultural do país. Deste xeito búscase achegar a administración ao tecido asociativo xuvenil, tanto para coñecer as súas demandas como para presentar as políticas que o Goberno galego está a desenvolver neste eido.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, 2007-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES