Notas de prensa

A Tecnópole licita as obras do edificio para a incubadora de empresas biotecnolóxicas

A Lanzadeira de empresas de biotecnoloxía estará rematada para o outono do 2008.

A Tecnópole acaba de sacar a concurso público a construción do edificio para a Lanzadeira de empresas biotecnolóxicas no
seu recinto do concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Trátase dunha incubadora para as iniciativas emprendedoras neste sector, considerado estratéxico en Galicia.

O contrato ten un orzamento de tres millóns de euros e nel contémplase que o edificio terá que estar rematado no prazo de 16 meses dende a súa formalización, o que supón que a Lanzadeira estará en funcionamento para o outono do próximo ano. A convocatoria do concurso foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOGA) o 9 de abril.

Os pregos que rexerán a contratación da construtora para levantar o edificio da Lanzadeira están a disposición dos interesados na páxina web www.mercopole.com. O prazo máximo para a entrega de propostas remata o 5 de maio.

Reducir a taxa de fracaso

O edificio, que recibirá o nome de Tecnópole I, daralles acubillo aos emprendedores galegos do sector de maneira que poidan iniciar a súa actividade nun contorno que non só suporá un espazo físico para instalar as súas oficinas, senón tamén o acceso a infraestruturas de laboratorio especializadas para desenvolver os seus proxectos de investigación.

A porcentaxe de fracaso das empresas biotecnolóxicas durante a súa primeira etapa de vida é moi elevada, xa que ascende ao 90%. Isto significa que só unha de cada dez iniciativas empresariais do sector chegan a prosperar. A iniciativa da Tecnópole permitirá reducir este índice ao 15%, de maneira que o risco de que a idea non chegue a ser negocio será un 75% por debaixo da media para as empresas que se instalen na lanzadeira.

A incubadora de empresas biotecnolóxicas será dotada de todos os
equipamentos científicos e tecnolóxicos necesarios para que os galegos interesados en pór en marcha unha empresa biotecnolóxica poidan desenvolver as súas investigacións e comprobar a viabilidade técnica dos seus produtos e servizos.

Nestes laboratorios de uso común para as empresas que se instalen na lanzadeira radica o verdadeiro sentido da iniciativa, xa que a adquisición dos equipamentos de investigación son a maior traba económica para a posta en marcha e a prosperidade das empresas biotecnolóxicas.

As empresas relacionadas coas ciencias da vida teñen na I+D a súa base fundamental, polo que os responsables do Parque Tecnolóxico de Galicia proxectaron unha incubadora na que os emprendedores poidan dedicar o groso dos seus esforzos no desenvolvemento dos seus novos servizos e produtos, no lugar de traballar condicionados polas limitacións económicas e administrativas.

Neste sentido, ademais de pór a disposición dos novos empresarios os equipamentos científico-tecnolóxicos que precisan para levar a cabo a súa actividade, a lanzadeira contará con servizos centralizados de márketing, financeiros e comerciais.









Noemia Ortega (Tecnópole), 2007-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES