Notas de prensa

Anúnciase a creación do Consello Galego dos Deportes Náuticos e do Mar

O Libro Azul da Náutica, elaborado pola Escola de Negocios Caixanova baixo o encargo da Fundación Deporte Galego, foi presentado en Vigo.

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, anunciou, durante a rolda de prensa de presentación do Libro Azul da Náutica, a próxima creación do “Consello Galego dos Deportes Náuticos e do Mar”. Neste órgano estarán representados todos os sectores implicados (Turismo, Portos de Galicia, federacións, empresas, Deportes,....) co obxectivo de desenvolver o Plan Directorio dos Deportes Náuticos, “xa que eso é precisamente o libro que estamos a presentar – afirmou Domínguez-. É o instrumento que necesitamos para avanzar, aglutinar esforzos e converter Galiza no gran país da náutica de toda Europa. Temos a potencialidade necesaria para ser ese motor que leve a Galiza a ser o gran parque náutico europeo”. En breve comezarase a convocar aos diferentes axentes e o obxectivo é poñer en marcha este consello antes de finais do presente ano.

Ao acto de presentación do Libro Azul da Náutica asistiron o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira; o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e o director da Escola de Negocios Caixanova, Eduardo García Erquiaga.

No Libro Azul da Náutica, elaborado pola Escola de Negocios Caixanova e encargado pola Fundación Deporte Galego, realízase un diagnóstico da situación actual do sector e propóñense seis programas de actuación (programa para popularizar a náutica deportiva “Achégate ao mar”, mellora dos servizos e das infraestruturas, fomento dun clúster empresarial, oferta náutica turística integrada, promoción e comunicación do sector e creación dun ente impulsor).

Para a elaboración deste documento realizáronse enquisas nos fogares galegos (1.218), empresas do sector (111), centros de ensino náutico (100) e usuarios de portos deportivos (343), co obxectivo de “escoitar aos axentes activos do sector”. Tamén se fixo un especial fincapé en coñecer as experiencias desenvolvidas noutros países nos que a náutica se converteu nun sector puxante nas súas economías, como Francia, Reino Unido, Nova Zelandia ou Estados Unidos, para poder “incorporar accións que contribúan ao desenvolvemento da actividade náutica na nosa comunidade”.

Festa do Mar. O director xeral para o Deporte tamén recordou que Galiza participará na Feira Brest 2008 “por primeira vez na historia como país invitado de honra” e indicou que “estamos traballando para celebrar a primeira gran festa do mar en Galiza, ao amparo do que se está a facer en Brest”.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, 2007-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES