Notas de prensa

Reunión do presidente da Xunta coa presidenta de Microsoft Ibérica

Analizaron proxectos encamiñados a fomentar o investimento en tecnoloxías da información e a comunicación por parte do sector público e privado, preferentemente no campo das pemes, no sector da educación e da administración electrónica.

O xefe do Executivo autonómico, Emilio Pérez Touriño, destacou a aposta que está a realizar o Goberno que preside no fomento das tecnoloxías da información e a comunicación na nosa comunidade tras reuniuse coa presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa María García, quen lle explicou ao presidente galego as iniciativas e programas que está a desenvolver Microsoft neste campo.

Durante a reunión, tanto o titular da Xunta como a presidenta de Microsoft Ibérica, coincidiron na necesidade de concienciar ás empresas galegas de que para competir coas do resto de España e de Europa precisan aumentar o seu investimento en tecnoloxías da información e a comunicación, ante o marco dunha economía cada vez máis global, dinámica e competitiva. Nesta liña, destacaron a importancia que ten o fomento e o uso intensivo e racional das TIC por parte das empresas galegas de cara a mellorar substancialmente a súa produtividade no tecido empresarial e aumentar o seu nivel de competitividade no mercado.

Así mesmo, ambos remarcaron a oportunidade que representa a introdución das TIC no corazón dos procesos levados a cabo pola administración autonómica e local de cara aos cidadáns, posto que contribuirá a axilizar un gran número de trámites e facilitará que a relación entre os cidadáns e os gobernantes sexa máis frutífera e fluída.

O presidente da Xunta coñeceu de primeira man os proxectos que Microsoft está a levar a cabo con distintas administracións españolas para facer realidade o concepto de administración electrónica, achegando o coñecemento e as ferramentas e solucións máis axeitadas para conseguir este obxectivo. Neste sentido, Pérez Touriño analizou con Rosa María García proxectos encamiñados a fomentar o investimento en tecnoloxías da información e a comunicación por parte do sector público e privado, preferentemente no campo das pemes, no sector da educación e da administración electrónica.

Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información 2007-2010
Pola súa banda, o mandatario galego reiteroulle a Rosa María García o compromiso do Goberno que preside co desenvolvemento das tecnoloxías de información e da comunicación en Galicia. Neste sentido afirmou que o Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PESGI) 2007-2010, aprobado recentemente, permitirá a Galicia rematar coa fenda dixital, mediante a implantación das tecnoloxías da información e a comunicación na sociedade.

O plan, que conta cun investimento de máis de 800 millóns de euros ata o ano 2010 (dos cales 675 proceden da Xunta), recolle oito estratexias operativas entre as que destacan a creación de infraestruturas, o desenvolvemento do sector das tecnoloxías, a aplicación das TIC polo tecido empresarial e a aposta polos servizos públicos de calidade.

Aplicación das TIC

Actualmente o gasto en TIC en España sitúase no 5,5% do PIB (un punto por debaixo dos parámetros europeos), en Galicia os servizos da sociedade da información acadan un volume de negocio do 3,4% do PIB. O presidente da Xunta resaltou que o obxectivo do plan é conseguir a converxencia co resto do Estado e da media europea, situando a achega ao PIB arredor do 6,5%.

Touriño salientou que a Xunta apoiará proxectos que impliquen unha mellora dos procesos de produción, comercialización, información e xestión das peme mediante a incorporación das TIC, fomentando a posibilidade de desenvolver negocio a través de Internet. Paralelamente, desenvolveranse actuacións no sector turístico, no sector primario e promoverase a formación e a capacitación no ámbito das TIC para o desenvolvemento profesional dos traballadores das empresas.

O presidente da Xunta lembrou tamén que o Goberno galego se marca como obxectivo que no ano 2009 todos os núcleos de poboación de máis de 500 vivendas teñan conectividade de banda ampla e que, en 2010, polo menos o 90% da poboación teña acceso a servizos de banda ampla.

Outras iniciativas

Touriño remarcou, ademais, que Galicia conta con outros instrumentos como a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, integrada polas sete principais empresas da comunidade, as tres universidades e as principais entidades financeiras, que busca promover, impulsar e coordinar actividades orientadas á mellora da competitividade e internacionalización das empresas galegas.

Paralelamente, a Consellería de Innovación acaba de poñer en marcha o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT, co obxectivo de incrementar o potencial investigador e empresarial galego en TIC. Este proxecto nace ao amparo da propia Xunta, das tres universidades galegas e das principais empresas galegas de telecomunicacións como Arantia 2010, Arteixo Telecom, Eganet, Egatel ou Televes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES