Notas de prensa

Preséntase o Catálogo do VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Como novidade, acompáñase cun DVD que resume as actividades da pasada edición “De Medo” e que foi elaborado por Daniel Araújo e Damián García, alumnos da Universidade de Vigo.

O Teatro Principal acolleu a presentación do catálogo da oitava edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O acto contou coa presenza do Director Xeral de Creación e Difusión da Xunta de Galicia, Luís Bará, e da Concelleira de Cultura de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro.

O grupo teatral Galitoon conducíu esta cita, que tamén servíu de presentación do DVD que resume a VIII edición do Salón e que acompaña ó catálogo deste ano. Os medios de comunicación e o público que se achegaron ata o Teatro Principal puideron presenciar un pase deste documental, realizado e posproducido por Daniel Araújo (Vigo, 1984) e Damián García (Vigo, 1984), ambos Licenciados e Publicidade e Relacións Públicas no campus de Pontevedra e antigos alumnos da Universidade de Vigo, entidade colaboradora coa edición do DVD. O audiovisual ten unha duración de 12 minutos e escolma algúns dos momentos máis especiais da pasada edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A súa distribución será como parte do catálogo deste ano de xeito totalmente gratuíto, como é habitual.

O catálogo, tamén como é tradición, está editado en tres idiomas (galego, castelán e inglés) e conta con textos do Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, da Conselleira de Cultura da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo, da Concelleira de Cultura de Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, da Coordinadora do Salón do Libro, Helena Torres, e do escritor Manuel Lourenzo. As fotografías son de Elisa Giani.

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, por oitavo ano consecutivo, abríu as súas portas para servir de punto de encontro entre o mundo dos libros e as lectoras e lectores máis novos. O Pazo da Cultura engalanouse coas súas mellores prendas literarias e un universo de autores, ilustradores, editores, libreiros, animadores, actores, artistas, músicos, meigas, trasnos, sereas, extraterrestres, carpinteiros, costureiros, malabaristas, autoridades, profesores, alumnas, alumnos e outras xentes variopintas déronse cita na semana entre o 4 e o 10 de febreiro de 2007 para conviviren nun espazo privilegiado e darlle vida ás súas fantasías.

Como en cada unha das anteriores edicións, o Salón do Libro xirou arredor dun núcleo temático que inspirou os seus espazos e aglutinou as actividades ofertadas. O tema proposto foi o medo, que forma unha categoría especial no ámbito das sensacións e sentimentos humanos con ampla proxección no universo literario.
O catálogo (en formato libro e en formato audiovisual) percorre os espazos ambientados no Pazo da Cultura e os da Biblioteca e da Casa das Campás que acolleron actividades do Salón por primeira vez. É asemade un paseo polas exposicións que cobraron vida neste Salón a través dos ollos dos seus 20.000 visitantes, especialmente, dos ollos dos escolares que, chegados de toda Galicia, pasárono de medo cos contacontos, nos obradoiros e nos espectáculos que se presentaron para eles.

Lembra tamén este catálogo as exitosas e concorridas “Clases Maxistrais de Ilustración” que, por vez primeira, reuniron en Pontevedra oito ilustradores e ilustradoras do máis alto nivel internacional. Presentacións de libros, conferencias, obradoiros para adultos, espectáculos, visitas de autores ós colexios, a valiosa participación da comunidade educativa, a homenaxe sentida a Bernardino Graña e a pegada de Brasil, o primeiro país convidado polo Salón de Pontevedra, de todo isto dá noticia este catálogo que bota xa a andar para espallar o coñecemento do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Para que o Salón chegue ós seus destinatarios principais traballa un grupo de persoas que se ocupan da organización e da montaxe e que contan cos apoios do Concello de Pontevedra e da Xunta de Galicia, tamén co esforzo do profesorado e coa colaboración de editoriais, persoas e entidades. Entre todos conséguese que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra siga a voar ben alto no territorio das letras e cumpra cada vez mellor o seu obxectivo básico de punto de encontro anual entre os libros e os seus lectores máis novos.


Gabinete de prensa do Salón do Libro, 2007-04-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES