Notas de prensa

Sae á luz o primeiro número da revista bimensual Xacobeo Noticias

Trátase dunha publicación que aglutina os contidos xerados por esta entidade en relación ao Camiño de Santiago e as actividades de promoción, difusión e conservación deste valor patrimonial.

O director xeral de Turismo, Rubén Lois, e mais o Director-Xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, foron os encargados de presentar o primeiro número da Revista Xacobeo Noticias. A publicación, editada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, ten un dobre obxectivo: institucional e social. Entre os cometidos institucionais da revista están os de promocionar e informar sobre o Camiño de Santiago e sobre o fenómeno xacobeo; doutra parte, entre os cometidos sociais da publicación figuran os de poñer ao alcance de distintos colectivos galegos, españois e internacionais un medio compartido de difusión informativa.

Xacobeo Noticias terá unha periodicidade bimensual e o primeiro dos seus números sae á rúa en abril. Os contidos da revista serán, fundamentalmente, de tres tipos: noticias, reportaxes e entrevistas, e seccións fixas sobre o patrimonio dos Camiños, as publicacións, os personaxes e momentos históricos da cultura xacobea, o arquivo xacobeo, etc. Xacobeo Noticias contén información de ámbito internacional, referente ás actividades que o Xacobeo organiza no exterior; de publicacións e coleccións editadas por esta entidade; de actividades artísticas e programacións culturais que se organizan arredor do Camiño de Santiago; etc. A revista inclúe tamén artigos de opinión e mais unha selección de traduccións en inglés, francés, portugués, italiano e alemán. Toda a revista é bilingüe e contén unha axenda cos actos organizados polo Xacobeo no período de actualidade da publicación periódica.

A intención do Xacobeo con esta iniciativa pasa por abrir estes contidos non só ao ámbito galego. O Camiño é un patrimonio mundial, tanto a nivel territorial como cultural, e Xacobeo Noticias terá moi presente esta realidade. Esta vocación de proxección cara ao exterior en todos os sentidos reflíctese non só nos contidos, senón tamén no feito de que a revista se editará sempre en galego e en español, pero tamén terán presenza en páxinas específicas outros idiomas.

O número de exemplares de cada edición será de 3.000 e a súa adquisición será gratuíta. Poderanse recoller os exemplares nas oficinas de información do Xacobeo en Galiza e nos albergues galegos do Camiño e na sede da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en San Lázaro. O acceso ao público completarase cunha ampla distribución por correo postal. Por este medio distribuirase aproximadamente a metade da edición, deste xeito chegará a publicación a todos os alcaldes, concelleiros responsables de turismo e cultura dos Concellos galegos, ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago no mundo, ás oficinas de turismo da Xunta e ás municipais situadas a carón do Camiño, ás oficinas de Turespaña en países e zonas de interese, a estudosos e empresas vinculadas coa cultura xacobea, ás universidades e centros de estudo internacionais, ás bibliotecas e hemerotecas especializadas, etc.

Este primeiro número de Xacobeo Noticias presenta unha notable presenza institucional que non se repetirá nos vindeiros números, sen embargo, neste primeiro ten por obxecto explicar as funcións da publicación aos lectores e a política xeral do Xacobeo nesta materia. A maquetación, redacción, impresión e distribución de Xacobeo Noticias adxudicouse por concurso público, polo período dun ano, á empresa galega Equinocio, con sede na cidade da Coruña.

No vindeiro número a revista dedicará unhas páxinas especiais á programación cultural e escénica do Xacobeo para este ano centrada na programación sobre todo da época estival e nos programas Via Stellae, Vai de Camiño e Artes no Camiño.












Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-04-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES