Notas de prensa

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a USC convocan un Obradoiro de Prácticas Escénicas

Lévase a cabo entre abril e xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación e está dirixido a profesionais da interpretación, a dirección e a dobraxe, e aos alumnos.

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela abren a convocatoria para o Obradoiro de Prácticas Escénicas, unha actividade formativa que pretende poñer a disposición dos profesionais do mundo da interpretación e do alumnado de Ciencias da Comunicación un espazo “vivo” onde seguir traballando, aprendendo e practicando máis alá das horas limitadas dun curso, como lugar de preparación, corrección e ensaio.

O obradoiro, que está dirixido aos profesionais do mundo da interpretación, a dirección e a dobraxe galegos e ao alumnado de Ciencias da Comunicación de Santiago, desenvolverase entre os meses de abril e xullo nesta facultade compostelá.

Aula de dobraxe de Aula de Interpretación

Esta iniciativa está dividida en dúas seccións: unha Aula de Dobraxe e outra de Interpretación. Cada unha delas estará aberta un día á semana (entre as 18,00 e as 21,00 horas) e conta cun titor-responsable que lle facilitará aos participantes os medios necesarios para o seu traballo de práctica, ensaio ou aprendizaxe.

Así, a Aula de Dobraxe, que funcionará nas tardes dos xoves, vai estar titorizada polos actores e directores de dobraxe Charo Pena e Luis Iglesia. A Aula de Interpretación, dirixida por Antonio Mourelos, estará aberta os venres. As actividades desenvolveranse nas instalacións da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

Actividades

Durante os meses de abril e xullo nos que se vai desenvolver o obradoiro, os participantes poderán realizar diversas actividades como a preparación e ensaios de monólogos ou de diálogos; a preparación e ensaio de secuencias ante a cámara; a realización de castings; prácticas de creación de personaxes; exercicios de dobraxe e de locución; prácticas de sincronía labial para dobraxe; de entoación e acentuación na interpretación oral; ou de corrección de defectos de mala aprendizaxe, entre outras.

Neste obradoiro, organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación, tamén colaboran distintas asociacións de actores de Galicia como a AAAG, AISGE e APRADOGA.

Plan de Formación

Coa realización desta actividade o Consorcio segue a traballar no plan de formación para o ano 2007, como continuación do desenvolvido en anos anteriores. No marco deste plan tiveron lugar os días 23 e 24 de febreiro unhas Xornadas de Pitching, en colaboración co CICA (Curso de Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais) da Universidade da Coruña, actividade que rematará o 14 de abril.

Así mesmo, o pasado mes organizáronse un curso de Iniciación á Industria do Videoxogo e dous cursos de Voz, un para Actores e outro para Xornalistas; hoxe iníciase un segundo monográfico de inglés audiovisual, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela; e en breve convocaranse un obradoiro de curtametraxes, en colaboración co KIMUAK, programa de promoción da curtametraxe da Filmoteca Vasca, titorizado por Nacho Vigalondo e Borja Cobeaga; e un curso de edición de audio para técnicos de son.

Currículos dos titores do obradoiro

Antonio Mourelos é licenciado en Imaxe e Son pola Universidade Complutense de Madrid. Actor e director de dobraxe desde o ano 1.985. É a voz habitual de actores como Michael Caine, Jeremy Irons, Ed Harris, Dennis Hopper... Dirixiu entre outras a dobraxe para cine de El Fugitivo, El Último Gran Héroe, I Like it like that ou O Pico das Viúvas. Para TVG dirixiu O Padriño I e II, O Silencio dos Cordeiros, Troia… Foi Axudante de dirección de Roberto Vidal Bolaño en Novo de Parmuide e Morosos Varios; e actor en series como Mareas Vivas, Cuéntame, El Comisario ou As Leis de Celavella; en telefilmes como Entre Bateas, La Rosa de Alejandría, Diario de un Skin…; en películas como O Lapis do Carpinteiro, El Alquimista Impaciente, O Ano da Carracha ou Los Lunes al Sol… É profesor asociado na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

Luis Iglesia é actor e director de dobraxe desde o ano 1.987. É a voz habitual de Robert de Niro, Harrison Ford, Mel Gibson, Paul Newman...: en debuxos animados, de Gardfield, Hoobs (Groove), Barrio Sésamo (ra Gustavo, Drácula)... Conta con múltiples traballos de locución en documentais, campañas publicitarias, vídeos industriais... En televisión fixo papeis protagonistas en Un mundo de historias e en Terra de Miranda e participou como convidado en series como Mareas vivas, As Leis de Celavella ou Libro de familia ademais de diversas aparicións en curtametraxes, en telefilmes ou en películas como A promesa ou Heroína. Está tamén vinculado ao mundo do teatro, onde colaborou con varias compañías,pero especialmente con TEATRO DO AQUà en montaxes como Rastros, Camiño longo, ou A opera d’a patacón. Reclamados os seus servizos como docente, imparte cursos de locución e dobraxe para distintos organismos e institucións.

Charo Pena é actriz e directora de dobraxe desde o ano 1.985. Como actriz de dobraxe, algúns dos seus traballos son: Meredith Baxter na serie Enredos de Familia, Mercedes Ruehl en Lost in Yonkeer´s, ou voz habitual na TVG de Meryl Streep, Julie Andrews, Sharon Stone, Susan Sarandon, René Russo, etc. Tamén intervén en series de animación, como Angela Anaconda (Ãngela) ou Shin Chan (Misae). Entre os seus traballos como directora de dobraxe destacan: Vivir con Mr.Cooper, a serie de animación Cocodrilos al rescate; en TVG series como Ballykissangel, Cabaleiros con aquel, Terra II, Invasión... Películas como Amadeus, Hook-o capitán Garfo, Drácula, A lista de Schindler, O paciente inglés, Amores perros, In and out, a saga de Harry Potter, etc., telefilmes como “Secuestrados en Xeorxia “ ou “Ecos”… Como directora de dobraxe para cinema galego: A lingua das bolboretas, Cando volvas ó meu lado, Sei quen es, As belas dormentes, Trece badaladas, O lapis do carpinteiro, Os luns ó sol, Galatasarai-Dépor, O misterio Galíndez, Os aires difíciles, Hotel Tívoli, Mia Sarah, Concursante, Unha muller invisible, etc.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, 2007-04-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-di-meola.jpg) O músico norteamericano acumula, entre outros logros, catro discos de ouro, dous de platino e máis de seis millóns de discos vendidos en todo o mundo. A lista de recoñecementos que recibiu ao longo dos anos é tamén extensa: entre outros, un doutor Honoris Causa do prestixioso Berklee College of Music, o Premio Honorífico Miles Davis outorgado polo Festival de Jazz de Montreal, un Premio á Traxectoria da BBC outorgado por sir George Martin en 2008 ou numerosos nomeamentos e premios Grammy. Al Di Meola, un auténtico xenio da guitarra e un prolífico compositor, acumula máis de 30 álbums como líder, ademais de moitos outros onde participou, con figuras como o supergrupo de fusión Return to Forever, o célebre Guitar Trio ou o trío Rite of Strings.
Foto de la tercera plana (sergas-mans.jpg) O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o novo fito acadado pola atención primaria galega ao conseguir cubrir a totalidade das prazas de formación convocadas para a especialidade de medicina e de enfermería comunitaria, un total de 260. Segundo explicou, 'Galicia terá a maior cobertura de prazas de formación en atención primaria dos últimos anos', ao lograr cubrir 207 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria e outras 53 no ámbito da enfermería. Caamaño destacou que este feito amosa que as propostas trasladadas polo Goberno galego ao Ministerio de Sanidade eran medidas necesarias e acertadas.

Notas

A Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA), a única que en España se dedica ata o momento á IA aplicada á medicina personalizada, presentouse este mércores 29 no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de xerar, nos vindeiros catro anos, novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas.
Este venres 30 de maio, Lalín converteuse na capital galega da ciencia coa cuarta edición de ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, unha expo-feira científica organizada pola Universidade de Vigo, que se celebra por primeira vez fóra das cidades que acollen os seus campus. O evento desenvólvese ao longo de toda a xornada no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero e comprende unha ampla e diversa programación de actividades científicas de carácter lúdico para todas as idades e intereses.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES