Notas de prensa

O presidente da Xunta visita as obras do novo hospital de Lugo

Asegura que a nova instalación marcará un antes e un despois na atención sanitaria da provincia lucense. Lembra que a Xunta inviste máis de 600 millóns de euros na construción de novos hospitais.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que en maio será presentado ao Consello da Xunta o Plan de Reequilibrio Territorial 2007-2013, que define un conxunto de actuacións en favor do desenvolvemento da Galicia interior que superarán os 1.400 millóns de euros. “No próximo mes, o Consello da Xunta aprobará o Plan de Reequilibrio Territorial, que define un conxunto de actuacións dinamizadoras na Galicia interior”, anunciou.

Segundo explicou o presidente, o plan recolle un conxunto de “liñas de discriminación activa en favor das zonas menos desenvolvidas” do país, polo que cualificou o plan como de “gran calado” e de “gran potencia”. Así mesmo, manifestou a confianza de que no próximo mes o Executivo galego lle dea o visto bo para, a partir de aí, proceder á súa presentación no Parlamento.

Emilio Pérez Touriño fixo este anuncio durante a visita que realizou ás obras do novo hospital de Lugo, acompañado pola conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, e o alcalde da cidade, Xosé López Orozco.

Máis de 600 millóns para novos hospitais

Na súa intervención ante os medios de comunicación, o xefe do Executivo galego lembrou que o Goberno que preside está a investir máis de 600 millóns de euros na construción de novos hospitais, na súa aposta decidida por mellor o actual nivel de oferta asistencial. Deste xeito, están en marcha actuacións, ademais de no complexo de Lugo, na cidade de Vigo, en Pontevedra, a remodelación do Hospital Juan Canalejo da Coruña, actuacións no Arquitecto Marcide de Ferrol e na cidade de Ourense, así como nos plans funcionais do Hospital do Salnés e no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

225 millóns de investimento no complexo de Lugo

Emilio Pérez Touriño, referíndose ao novo hospital de Lugo, -no que visitou as futuras áreas de hospitalización, quirófanos, consultas externas e piscina de reanimación- salientou que se trata dunha “gran obra” que marcará “un antes e un despois” na atención sanitaria, na calidade do servizo e da oferta. Trátase, en palabras do presidente, dun hospital “de referencia” para toda a comunidade galega e, en particular, para toda a área de Lugo.

Este complexo, no que se investirán máis de 225 millóns de euros, contará con nova tecnoloxía, como a sala de hemodinámica, o servizo de radioterapia ou o servizo de medicina nuclear. Touriño sinalou que se trata dunha obra complexa e extraordinariamente ambiciosa dotada cos últimos avances tecnolóxicos. Remarcou que os prazos se están a cumprir e que as obras marchan a bo ritmo, de tal xeito que se agarda que estean rematadas a finais do 2008 e estea en servizo no 2009.

O novo hospital disporá de 755 camas de hospitalización, 171 correspondentes a hospitalización convencional e 38 a UCI coronaria. A estas camas habería que sumarlle outras 56 pertencentes a Urxencias. A superficie construída é de máis de 127.000 metros cadrados e conta con 163 locais de consultas externas, 31 postos de diálise, 80 postos de hospital de día e 18 quirófanos.

Mellora da atención primaria

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico tamén se referiu a que o pasado día 2 de abril se asinou un acordo “histórico” para o futuro da sanidade de Galicia : o plan de mellora da atención primaria, que conta cun período de vixencia 2007-2010 e recolle un investimento de preto de 63 millóns de euros.

Segundo remarcou Pérez Touriño, a iniciativa conlevará a creación de 309 prazas de médicos de familia e 65 de pediatría ao final do período de vixencia e xa neste exercicio prevé un investimento de 4 millóns de euros para un incremento de 144 prazas en Atención Primaria e outros 4 millóns para garantir a substitución de facultativos.

NotaEmilio Pérez Touriño resaltou que se trata dunha aposta do Goberno galego pola calidade integral da atención primaria, que cualificou como “a porta de entrada ao sistema sanitario”.

Outras actuacións en Lugo

Por último, o presidente galego agradeceu a colaboración do alcalde na posta á disposición dos terreos para o novo hospital e comprometeu o apoio da Xunta ao proxecto, de xeito que cando en 2008 conclúan as obras e en 2009 entre en servizo “todas as pezas do puzzle estarán perfectamente encaixadas”, dixo referíndose aos novos accesos ao complexo hospitalario.

Así mesmo, indicou que está “marchando ben” todo o relativo ao proxecto da Rolda Leste da cidade. Neste sentido, asegurou que se están empezando as expropiacións e que as obras se licitarán de maneira inmediata. Xunto con isto, sinalou outras actuacións de interese necesarias para garantizar a accesibilidade á cidade como a Autovía Santiago-Lugo, a Autovía Lugo-Nadela-Sarria-Monforte ou a Autovía do Cantábrico, que en 2009 estará plenamente en servizo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-04-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES