
O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, manifestou o apoio da Xunta ao proxecto de valorización de biomasa forestal mediante gasificación que o grupo Abengoa ten pensado implantar na comunidade galega, da man de XesGalicia. Así llo transmitiu Pérez Touriño ao presidente desta sociedade industrial e de tecnoloxía, Felipe Benjumea, durante a xuntanza que mantiveron esta mañá na residencia oficial de Monte Pío. No encontro, o xefe do Executivo autonómico manifestoulle a máxima colaboración do Goberno que preside para o desenvolvemento e implantación na comunidade desta iniciativa.
Segundo lle expuxo Felipe Benjumea a Pérez Touriño, o proxecto, que se desenvolverá en Curtis e en Sogama, pasa pola produción de bioetanol de segunda xeración, a partir de biomasa mediante gasificación e síntese química, que representa a mellor alternativa actual para a valorización da biomasa forestal.
No encontro, o máximo mandatario autonómico manifestoulle ao presidente de Abengoa o interese do Goberno polo proxecto, dado que os biocarburantes de segunda xeración constitúen obxectivos prioritarios para a estratexia de investigación. De aí o compromiso acadado de prestar a máxima colaboración á factoría na procura de axudas, subvencións e incentivos de I+D, a través dos distintos instrumentos financeiros e organismos administrativos da Xunta de Galicia.
Primeira planta no mundo
Deste xeito, o proxecto presentado por Abengoa permitirá que Galicia acolla a primeira planta de produción combinada de enerxía eléctrica e biocarburante no mundo, o que supón unha estratexia pioneira na valorización da biomasa pola súa capacidade e innovación.
Emilio Pérez Touriño manifestoulle a Felipe Benjumea o interese da Xunta neste proxecto, por canto poderá achegar beneficios non só na redución da emisión de CO² fósil de 2.000 millóns de t/ano; na valorización de 87.500 toneladas de biomasa forestal ao ano; na prevención de incendios; na creación de emprego e na presenza dunha planta de tecnoloxía que será referente mundial nas tecnoloxías de produción de carburantes, senón tamén porque suporá a oportunidade de que centros de investigación de Galicia participen no desenvolvemento do proxecto piloto e, no caso de éxito da tecnoloxía, as expectativas para valorizar a biomasa respecto a capacidades e valores engadidos serán tamén moito maiores.
Investimento de entre 85 e 100 millóns e creación de emprego
De feito no proxecto na comunidade galega, Abengoa ten previsto investir entre 85 e 100 millóns de euros.
A iniciativa suporá a creación de entre 18 e 35 empregos directos e entre 145 e 280 empregos indirectos e permitiralle a Galicia ser referente mundial nas tecnoloxías de produción de carburantes.
Historia de Abengoa
Abengoa é unha sociedade industrial e de tecnoloxía presente en máis de 70 países que conta cun grupo formado por 302 sociedades: a propia sociedade dominante, 273 sociedades dependentes, 26 asociadas e 2 de negocios conxuntos.
Abengoa S.A., a sociedade dominante do grupo, foi constituída en Sevilla en xaneiro de 1941. A empresa organízase en cinco grupos de negocio: Abengoa Bioenergía, Solúcar Energía, Befesa, Telvent e Abeinsa, e unha Área Corporativa.
Abengoa Bioenergía é o grupo de negocio encargado de desenvolver e producir biocarburantes para o transporte, destacando o bioetanol e o biodiésel que empregan a biomasa como materia prima. Dentro desta área de negocio encádrase Bioetanol Galicia, S.A., situada no concello coruñés de Curtis. En materia de bioetanol, Abengoa é actualmente o segundo produtor mundial (o primeiro da UE e o quinto de USA).
Solúcar Energía é a sociedade cabeceira no ámbito da enerxía solar. A súa actividade céntrase no deseño, promoción, construción e explotación de plantas de xeración de enerxía eléctrica.
A sociedade Befesa Medio Ambiente enmárcase no campo do medio ambiente, a través da prestación de servizos como a reciclaxe de residuos industriais e enxeñería medioambiental na industria.
Telvent é o grupo dedicado á actividade relacionada coas tecnoloxías da información, e xestiona solucións de alto valor engadido nos diferentes sectores (enerxía, tráfico, transporte, medio ambiente), empregando sistemas de control e adquisición de datos.
Por último, Abeinsa é a responsable do eido máis relacionado coas actividades de enxeñería, construción industrial e mantemento de infraestruturas eléctricas.
Participantes na xuntanza
Na reunión mantida esta mañá na residencia oficial de Monte Pío participaron, ademais do titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, e do presidente de Abengoa, Felipe Benjumea, o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio; o director de XesGalicia, Álvaro Álvarez Blázquez; José Terceiro, conselleiro de Abengoa; e Antonio Vallerspir de Gregorio, director xeral de Abengoa.
SAÚDOS,
GABINETE DE COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.