
O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, presentou o Catálogo de Formación dos organismos dependentes da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia: o Consorcio Audiovisual de Galicia, O Centro Galego de Artes da Imaxe e o Centro Multimedia de Galicia.
Tal e como destacou o secretario xeral de Comunicación, este catálogo constitúe unha oferta de calidade baseada na formación como a pedra angular na construción e consolidación de toda rama produtiva, especialmente, no sector audiovisual. O catálogo recolle o plan de formación para o ano 2007 no que se inclúen cursos e obradoiros de capacitación profesional, formación de posgrao e introdución de diversas técnicas de coñecementos que conforman a bagaxe dos creadores audiovisuais.
Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación fixo fincapé en que con este catálogo se deseña unha oferta de formación dinámica, flexible e acompasada aos cambios que experimenta o sector. A Secretaría Xeral de Comunicación pon así a disposición das empresas, dos profesionais e dos técnicos as ferramentas axeitadas para darlle resposta ao desafío dun mundo en cambio e enormemente competitivo.
Ademais, con este iniciativa preténdese, tal e como indicou Fernando Salgado, cubrir as lagoas do eido audiovisual e multimedia e complementar a formación regrada que ofrecen diversos centros educativos. O catálogo presentado hoxe vai dirixido aos profesionais, pero tamén a todas aquelas persoas interesadas nesa materia troncal da sociedade do coñecemento.
A Secretaría de Comunicación edita este catálogo coa finalidade de reunir nun único documento toda a actividade en formación audiovisual que se está a ofertar dende todos os departamentos adscritos a ela para dala a coñecer á cidadanía. O catálogo pretende ofrecer un produto homoxéneo cun efecto multiplicador, tal e como explicou Fernando Salgado.
Avalado por profesionais
Nesta presentación tamén participaron o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel, Fernández, e o director xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Nacho Varela. Ademais, o acto contou coa presenza de destacados profesionais que avalaron a formación de calidade presentada hoxe, como foron o director da Escola Cinematográfica e do Audiovisual da Comunidade de Madrid (ECAM), Fernando Méndez-Leite; e o director da Escola Superior de Cinema e Audiovisual de Cataluña (ESCAC), Josep Maixenchs.
Ambos os directores avalaron o plan de formación posto en marcha pola Secretaría Xeral de Comunicación e felicitáronse polo que definiron como un proxecto pioneiro e positivo para o sector. Ademais, tanto o director da Escola Superior de Cinema e Audiovisual de Cataluña, como o da Escola de Cinematografía e de Audiovisual de Madrid referíronse á boa relación existente entre as institucións que dirixen e a Xunta de Galicia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.