Notas de prensa

Audiovisual nas Aulas convida a máis de 2.000 escolares a ir ao cine

Trátase de incentivar aos escolares para ver longametraxes galegas durante o curso académico. O programa chega xa á cuarta edición.

Como parte do programa Audiovisual nas Aulas, que desde 2003 promove o Consorcio Audiovisual en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de iniciar aos escolares de Primaria, E.S.O. e Bacharelato nas claves da linguaxe audiovisual, ao tempo que inicialos no coñecemento do audiovisual propio.

Na súa primeira edición participaron un total de 12 centros que levaron a cabo a fase de Iniciación ao Audiovisual no curso 2003/2004, e na actualidade xa suman tres fases máis que completan Audiovisual nas Aulas: Iniciación á Animación, Iniciación á Televisión e Iniciación ás Novas Tecnoloxías, participando un total de 84 centros. Cada centro, dependendo da fase na que se atopen, realizarán unha actividade ou outra.

A actividade correspondente a Iniciación ao Audiovisual consiste en achegar aos alumnos ao cine máis próximo para visionar unha película galega despois de participar nas sesións didácticas impartidas por un monitor especializado no seu centro. As sesións cinematográficas acompáñanse as máis das veces dalgún actor galego participante no filme para que poida contar de primeira man en que consiste a súa profesión, o seu traballo no filme e ao mesmo tempo contribuír a facer máis próxima a súa actividade.

Desde 2003 ata o curso pasado, máis de 5.000 alumnos asistiron gratuitamente ao cine en pantalla grande grazas a Audiovisual nas Aulas, e no presente curso 2006/2007 serán máis de 2.000 os que se incorporan a esa cifra.

Os filmes que se ofertan, seleccionados polo profesorado de cada centro e facilitados polo CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), son: O lapis do carpinteiro, O agasallo de Silvia, 13 badaladas, A lei da fronteira, Romasanta, A vida que che espera, León e Olvido e O soño dunha noite de San Xoán, que se exhiben nos cines Filmax Pontiñas (Lalín), Compostela (Santiago), Filmax (A Coruña), Multicines Gran Arousa (Vilagarcía), Yelmo Cineplex, Multicines Hollywood, Cines Dos R, Cine Box, Multicines Xunqueira e Plaza Elíptica de Vigo.

Ao mesmo tempo, con esta iniciativa o Consorcio Audiovisual de Galicia tenta de contribuír á dinamización do sector da exhibición en Galicia, posibilitando que moitos destes alumnos asistan por vez primeira a unha sala de cine.

Consorcio Audiovisual de Galicia, 2007-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES