Notas de prensa

Inaugurado o novo Centro de Xestión e Administración de Rede de Retegal

O presidente da Xunta destaca o obxectivo irrenunciable do seu Goberno de situar a Galicia no núcleo da Sociedade do Coñecemento.

“Queremos conquistar un espazo entre as rexións máis prósperas de Europa. Por iso, colocar o noso país no núcleo da sociedade do coñecemento constitúe un obxectivo de todos os que amamos esta terra e un compromiso irrenunciable do Goberno que presido”. Son palabras do presidente da Xunta no decurso da inauguración do novo Centro de Xestión e Administración de Rede da empresa pública Retegal, en Santiago.

Pérez Touriño destacou que este Centro de Xestión “integra os últimos avances en materia de telecomunicación” pon de manifesto que Galicia “será quen de ofrecer respostas axeitadas e aproveitar as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías”. Neste sentido, o titular do Executivo autonómico amosou a súa seguridade de que as empresas galegas do sector están chamadas a “conquistar un espazo significativo entre a elite das telecomunicacións” e destacou que, nesta dirección, Retegal, “é hoxe unha ferramenta indispensable para achegar a todos os galegos os novos medios de comunicación audiovisuais e os demais servizos de telecomunicación”.

Iniciativas do Goberno galego

Pérez Touriño destacou, así mesmo, os esforzos do seu Goberno por situar Galicia na Sociedade do Coñecemento. Así, destacou que “os expertos coinciden en que, entre o 25 e o 50 por cento do crecemento económico, é debido ao progreso tecnolóxico”. Por esta razón, o Goberno galego reorientou a súa estratexia económica apostando polo reforzamento do sistema educativo e a formación continua, polo impulso ás políticas de I+D+i e pola dinamización da iniciativa privada mediante o estímulo da modernización empresarial e da cultura emprendedora.

Segundo Touriño, para acceder á sociedade do coñecemento “non hai más chaves mestras que a cualificación do capital humano, a decidida aposta pola investigación e o esforzo en innovación tecnolóxica”.

O titular do Executivo galego enumerou algunhas das iniciativas concretas levadas a cabo pola Xunta nesta dirección. Así, referiuse ao Plan Estratéxico da Sociedade da Información, “dotado con 800 millóns de euros, que estenderá a banda ampla a todos os núcleos de poboación con máis de 500 vivendas no prazo dun trienio”. Paralelamente, aludiu ao Plan Galego de I+D+i, “que propón como obxectivo duplicar os recursos da economía galega destinados á investigación e desenvolvemento, ata situalos no 1,5 por cento do PIB e acadar a cifra de 10.000 investigadores ao remate do plan”.

Tamén destacou Pérez Touriño a constitución da Fundación Galega da Sociedade do Coñecemento, que cualificou como “auténtico clúster de firmas punteiras e destacados emprendedores, comprometidos na tarefa de mellorar a competitividade das empresas e implantar as novas tecnoloxías no tecido produtivo”.

Finalmente, o presidente da Xunta significou o “deseño e definición de catro grandes centros de investigación de excelencia” que se converterán “en focos dinamizadores e puntos de referencia nas esferas científica e tecnolóxica”. Neste ámbito, Touriño destacou que Galicia atraeu dúas grandes infraestruturas tecnolóxicas: a Unidade de Tecnoloxía Mariña, que se situará en Vigo, e a macrocomputadora Finis Terrae, que será emprazada en Santiago.

Tren de alta velocidade do coñecemento

No decurso da súa intervención, Pérez Touriño destacou o papel de Retegal atribuíndolle unha dobre función: de construtora e transportista. “Correspóndelles a vostedes unha dobre función –dixo Touriño-, a de construtores das estradas e dos camiños do século XXI, esas novas pontes dixitais que unirán en rede a todas as familias e empresas galegas, independentemente da súa localización xeográfica, e permitirán o diálogo do noso país co mundo global”. Doutra banda, proseguiu, tamén son “transportistas de información e de coñecementos, a principal materia prima que, neste planeta interdependente, marca a fronteira precisa, a fenda entre o desenvolvemento e o atraso dos países, entre o progreso e o estancamento”.

“No horizonte inmediato teñen vostedes unha completa axenda de tarefas, que esixen unha decidida actuación tanto na esfera tecnolóxica como no plano loxístico e de xestión”, sinalou tamén o titular da Xunta.

Pérez Touriño confiou en que esta labor sexa posible posto que Galicia “non pode perder tampouco ese AVE –dixo-, porque Galicia ten ambición e fame de futuro”. “E so aqueles países que se incorporen a ese tren de alta velocidade que denominamos Sociedade do Coñecemento, serán quen de manter o seu nivel de competitividade e de mellorar a renda e o benestar dos seus cidadáns”, indicou.

Xuntanza en Galicia

NotaPola súa banda, o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia e presidente do Consello de Administración de Retegal, Fernando Salgado, destacou o “importante” labor que realiza esta empresa pública no achegamento de servizos de telecomunicación a todos os galegos. Neste sentido, destacou a posta en marcha das novas instalacións da empresa, hoxe inauguradas polo presidente da Xunta, así como da súa páxina web e a posta en marcha dun teléfono de atención permanente ao usuario para acadar un “maior achegamento ao cidadán” e dar resposta ás súas necesidades.

Por último, Fernando Salgado anunciou a próxima convocatoria dunha xuntanza en Galicia de todas as Comunidades Autónomas do norte de España, que presentan elementos similares a Galicia en canto a dispersión poboacional ou orografía, para abordar diferentes asuntos de interese en materia de telecomunicacións e intercambiar experiencias neste ámbito. Trátase dunha xuntanza na que estarán representados os principais operadores de telecomunicacións e institucionais das autonomías convocadas, dixo Salgado, quen se congratulou da “capacidade de liderado” de Galicia neste ámbito.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-04-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES