
O programa Empresa-Concepto, co que colabora a Consellaría de Innovación e Industria, acadou xa a consolidación de quince empresas de base tecnolóxicas xurdidas da comunidade universitaria en Galiza. Dúas destas empresas, Umana Ingeniería e Mestrelab Research, deron a coñecer o seu modelo empresarial, como un exemplo do éxito da aposta pola innovación empresarial e a investigación, co gallo da celebración do Día do Emprendedor.
A misión fundamental da iniciativa Empresa-Concepto é a exploración de novos conceptos de negocio baseados na investigación, proporcionando aos emprendedores galegos os recursos humanos e materiais necesarios para que os resultados das investigacións teñan unha materialización no sector empresarial.
Segundo explica o coordinador de Empresa-Concepto, Roberto Graña, o programa colabora estreitamente cos novos empresarios na etapa inicial, desde a valoración da viabilidade até a consolidación no mercado. Entre os anos 2004 e 2006 naceron ao seu amparo un total de quince empresas xa consolidadas, que supoñen 72 postos de traballo. Destes proxectos en fase avanzada, seis naceron da Universidade de Santiago de Compostela, cinco da de Vigo, tres da Coruña e un do CSIC. Existe ademais un número significativo de iniciativas que están nunha etapa de planificación previa á constitución como empresa.
Todas as empresas froito de Empresa-Concepto teñen en común a súa base tecnolóxica, pero abranguen sectores moi diferentes, desde unha fábrica de queixos en crema até unha axencia para a xestión e a difusión cultural do patrimonio, pasando por empresas de enxeñaría, relacionadas coa xenética, coas tecnoloxías da comunicación ou cos servizos de apoio ao sector primario. O programa inclúe tamén a realización de actividades formativas e a participación en eventos de difusión da cultura emprendedora.
Co gallo da celebración en Galiza do Día do Emprendedor o pasado 22 de marzo, dúas empresas nadas de Empresa-Concepto, Mestrelab Research e Umana Ingeniería, expuxeron en Santiago o seu modelo de negocio. Mestrelab Research é unha empresa punteira especializada na análise de Resonancia Magnética Nuclear (RMN), unha técnica que permite analizar a materia estudando directamente as estruturas moleculares. Umana Ingeniería, pola súa banda, ofrece servizos de biomecánica e ergonomía e conta cun departamento de I+D+i que traballa para importantes multinacionais.
O fundador de Mestrelab Research, Juan Carlos Cobas, desenvolveu na súa tese de doutoramento un sistema informático para RMN que desde o principio experimentou un éxito significativo. O seu traballo, apoiado por un grupo de científicos do Departamento de Química Orgánica da USC, ten chegado a empresas farmacéuticas como Pfizer, Bayer e AstraZeneca. A innovación do seu sistema MestRec reside en dous puntos fundamentais: aproximaron o software aos investigadores de todo o mundo, ao desenvolver un programa de RMN para ordenadores persoais, e incorporaron novos algoritmos que facilitan a interpretación dos datos.
Juan Carlos Cobas explica que, para persoas de perfil científico afastadas da xestión empresarial, Empresa-Concepto é o catalizador necesario para impulsar a posta en marcha do negocio. O programa fomenta a realización dun plan de negocios que, non noso caso, nos permitiu reflexionar sobre cal era realmente a nosa posición no mercado, avaliar os puntos débiles e as nosas fortalezas, apunta.
A outra empresa presente no Día do Emprendedor foi Umana Ingenieria, unha compañía fundada por Alexandre e Xavier Alfonso fai un ano pero que se xestou desde 2001, mentres estaban a estudar Enxeñaría Industrial na Universidade de Vigo e a traballar no grupo de investigación de Biomecánica e Ergonomía. Na actualidade, o traballo das dez persoas que forman o equipo de Umana céntrase en dúas liñas: a biomecánica e a ergonomía. En biomecánica, desenvolven un innovador sistema de diagnóstico musculoesquelético que supera a eficacia das radiografías. En ergonomía traballan na enxeñaría dos postos de traballo para minimizar riscos laborais, no ergodeseño de asentos e lugares de descanso e na ergonomía de contornos, fundamentalmente no que se refire á accesibilidade para persoas dependentes.
Os responsables das dúas empresas coinciden en destacar a necesidade da axuda ofrecida por Empresa-Concepto, xa que na maioría dos casos os científicos non contan con formación no terreo dos negocios, o que frea as posibilidades de desenvolvemento tecnolóxico no sector empresarial e o nacemento de novas empresas froito das súas investigacións.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.