Notas de prensa

Presentado o torneo Compostela Cup do Camiño

O evento relacionará as vilas polas que discorren os Camiños de Santiago coas actividades deportivas que se desenvolverán en Galicia entre abril e xullo.

A Compostela Cup do Camiño que se presentou en Santiago é a resposta deportiva e de lecer que ofrecen os distintos Camiños que levan a Santiago de Compostela e ten por obxectivo unir o deporte e o Camiño de Santiago, dous conceptos que reunidos pretenden intercambiar ideas, pensamentos e coñecementos con outros deportistas de nacións diferentes. Mozos e mozas de varios países practicarán os seus deportes favoritos e convivirán en torno ao Camiño compartindo experiencias e culturas diferentes. Máis de 1.000 equipos participantes ao longo do Camiño e máis de 15.000 deportistas chegados de todo o mundo a Santiago de Compostela integran esta iniciativa.

O torneo está composto por tres fases secuenciais no tempo, de xeito que a primeira fase desenvolverase antes do 10 de abril, a segunda antes do 3 de xuño e a fase final internacional celebrarase do 25 de xuño ao 8 de xullo.

A primeira fase consistirá nun achegamento aos puntos neurálxicos de cada un dos Camiños e nela procurarase achegar o deporte e a diversión a todos os nenos, así como dar a oportunidade aos concellos para que promovan as súas instalacións e o seu patrimonio, así como os monumentos principais para atraer ao maior número de peregrinos. As sedes nas que se realice esta primeira fase terán o nome de Sede Principal e acollerán o desenvolvemento das competicións das distintas modalidades deportivas. As modalidades deportivas desta fase serán o fútbol sala masculino e feminino, o fútbol 7 feminino, o fútbol 11 masculino e o baloncesto e balonmán masculinos e femininos. Empregarase o sistema de eliminación directa até acadar un campión en cada modalidade deportiva.

Os regulamentos das distintas disciplinas deportivas que se levarán a cabo nesta fase serán as normas da F.I.F.A. e da Real Federación Española de Fútbol para o fútbol, fútbol 7 e fútbol sala; as normas da F.I.B.A. e da Federación Española de Baloncesto para o baloncesto e as normas E.H.F. e da Real Federación Española de Balonmán para o balonmán. Terán dereito a participar todos os nenos e nenas dos distintos concellos polos que pasan os Camiños a Santiago que foran nados despois do 01-01-1998, os que se encadran na categoría sub-19.

A organización pretende que o mellor agasallo sexa a identificación do Camiño coa idea de superación e de esforzo para acadar a meta e compartir esa experiencia con outros deportistas que ano tras ano poidan acudir á cita compostelá. Todos os participantes recibirán tamén unha lembranza da súa estadía e unha tarxeta personalizada da Compotela-deportiva. Os finalistas terán un premio por chegar á final e os campións terán o trofeo e os gastos do transporte para disputar a seguinte fase.

Nas cidades nas que se sitúen as distintas sedes instalarase unha carpa ambulante informativa, haberá visitas guiadas pola cidade e o seu contorno e outras actividades formativas e de lecer.

Fase final en Santiago de Compostela

Os equipos resultantes campións da primeira fase concorrerán a disputar a segunda fase xa nas denominadas Sedes Comarcais, de xeito que a competición comezaría nas semifinais e logo disputarían a final, da que sairía o campión. Os regulamentos desta segunda fase serían os mesmos que os da primeira e nela poderían participar todos os nenos e nenas campións na primeira fase dentro da categoría sub-19. Ademais do trofeo, os campións acadarían os gastos pagos para disputar a Fase Final e Santiago de Compostela.

As sedes percorrerán os distintos Camiños de Santiago ao seu paso por Galiza e serán Sarria e Arzúa no Camiño Francés; Fene e Oroso no Camiño Inglés; Ribadeo e Boimorto no Camiño Norte; Lugo no Camiño Primitivo; Ames na ruta Fisterra-Muxía; O Porriño, Mos, Redondela e Pontevedra no Camiño Portugués; Verín, Allariz, Vedra e Teo na Vía da Prata e Boiro na Ruta do Mar de Arousa.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2007-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES